Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 21:30
A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña - Cee vén de trasladar á xerencia do Sergas a súa petición de destitución da Dirección de Enfermaría polo que, entenden, a "inacción" e "persistencia" dos feitos que motivaron esta petición xa a comezos do 2020, cando as profesionais da enfermaría comezaron a protestar pola "mala xestión" da Dirección, principalmente na área de Recursos Humanos.
En concreto, a Xunta de Persoal indica que a traxectoria desta Dirección se caracteriza pola "mingua continua da presenza da disciplina enfermeira na toma de decisións", pola "recuperación de formas arcaicas de supeditación dentro da organización sanitaria" e polo "descoñecemento das necesidades e dificultades asistenciais das distintas unidades".
Tal e como apuntan no comunicado, esta situación conduce, ao ser ver, a un "claro retroceso da profesión que compromete o seu presente e o seu futuro". A xestión de Recursos Humanos destaca -sinalan- pola súa "desorganización, improvisación e incapacidade de adiantarse ás demandas", ao mesmo tempo que fan un "uso abusivo das máis precarias formas de contratación", un cúmulo de problemáticas que no ano da pandemia non fixeron máis ca empeorar.
A Xunta de Persoal lembra que a Comisión de Centro do CHUAC xa tivera que solicitar a intervención da Xerencia da área a comezos do ano 2020 ante a "vulneración sistemática dos dereitos laborais e sindicais" por parte da propia Dirección de Enfermaría. A iso engade a "incapacidade para solucionar conflitos" e a "manifestación de condutas coercitivas e desconsideradas".
Por todo isto, a Xunta de Persoal dá traslado da situación á Xerencia do Sergas co obxectivo de que a Dirección sexa destituída do seu cargo. "O persoal de Enfermaría merece unha Dirección se non á altura da valía e esforzo das súas profesionais, cando menos que non agrave aínda máis a súa situación de cansazo", sentenzan no propio documento remitido ao Sergas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.