Mulleres afectadas por un método anticonceptivo denuncian a "xestión caótica" do Sergas co protocolo de extracción

Varias mulleres do Hospital do Barbanza levan ata medio ano agardando a seren atendidas logo de que na operación de extracción deste dispositivo do útero lles quedasen "restos" dentro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

O Sergas implantou o dispositivo Essure a unhas 1.300 mulleres galegas dende o ano 2009. Trátase dun método anticonceptivo permanente, sen hormonas, e baseado na inserción dun dispositivo intratubárico sen incisións quirúrxicas a traves da vaxina da muller. Propiedade da empresa Bayer, foi retirado do mercado a finais do ano 2018, momento no que en Galicia se aprobou un protocolo de extracción deste dispositivo, logo de ser demandado e promovido pola Asociación de afectadas do Essure en Galicia (Asafessgal) ante a cantidade de efectos secundarios que sufrían estas mulleres e dos que non foran informadas. 

As mulleres afectadas polo Essure en Galicia denuncian a 'xestión caótica' do Hospital do Barbanza
As mulleres afectadas polo Essure en Galicia denuncian a 'xestión caótica' do Hospital do Barbanza | Fonte: remitida

Dores musculares, cansazo extremo, desamaños no ciclo menstrual, hemorraxias, cefaleas, insomnio, inflamación pélvica, problemas dixestivos, sabor metálico na boca, perda de cabelo ou de pezas dentais, infeccións, mareos, vómitos, desmaios e secuelas de enfermidades autoinmunes son só algúns dos síntomas que comezaron a sentir as mulleres ás que se lles implantou este dispositivo Essure, un total de 1.300, das cales se coñecen 402 casos de rexeitamentos en Galicia. "É un método perigoso pola súa composición" - explica a presidenta da asociación, Sabela Landín -, "ten metais pesados, fibras de poliéster, aleación de titanio, níquel e aceiro inoxidable que nos provocan síntomas de envelenamento". 

O PROTOCOLO "NON SE APLICA"

Agora, dende a Asociación de afectadas do Essure en Galicia veñen de denunciar de novo que o protocolo de extracción, "asinado por todos os responsables de xinecoloxía do Sergas", "non se aplica". "Non informan de que existe ese protocolo nin fan estudos e seguimentos. Cando unha muller acode ao médico de cabeceira e explica os síntomas que están recollidos no protocolo, este non se aplica", explica ao teléfono Landín. Trátase, describe, dunha "loita continua que non debería de existir", posto que o protocolo "está para que as mulleres nos sintamos protexidas".

Segundo o indicado nese protocolo, o Sergas debe realizar radiografías para coñecer o estado do dispositivo e tamén probas de alerxia. No caso de que haxa efectos secundarios, debe procederse á súa extracción. "Por un lado, mándannos operar e poñen no informe que o facemos por petición, coma se fose un servizo á carta entrar no quirófano", denuncia Landín. Por outra banda, critican irregularidades á hora de desenvolver a explantación: "Non a fan correctamente. Tiran do dispositivo cando a nivel mundial está recomendado que non se toque para que non rompa. Por ese motivo hai mulleres que teñen os restos no útero".

Colocación do dispositivo Essure
Colocación do dispositivo Essure | Fonte: Wikipedia

Para asegurarse de que queda totalmente limpo, cómpre facer unha radiografía nese mesmo momento da extracción, e, no caso de que aparezan restos, o protocolo indica que debe aplicarse unha segunda parte do proceso: "retirar o útero".  "Isto non se aplica. Logo de conversas co director do Hospital do Barbanza, hai mulleres ás que se lles confirmaron restos e que levan cinco meses esperando por citas médicas. En Vigo temos coñecemento de casos de mulleres que tamén están agardando medio ano só pola radiografía de restos", indica Landín, que achaca esta situación a una actitude por parte dos profesionais de "minimización do problema". "Non o valoran e non nos fan caso porque foron eles mesmos os que nos implantaron o dispositivo", sinala. "Deféndense dicindo que non demostramos o suficiente que temos efectos secundarios". 

Moitas destas mulleres comezan a ter "certificados de discapacidade" polas secuelas que provoca o dispositivo. A melloría da saúde unha vez que se retira pode ascender a un 80%. Cos datos e as experiencias vividas sobre a mesa, as afectadas esixen respecto, responsabilidade na aplicación do protocolo e solventar xa a "xestión caótica" que se está a producir no Hospital do Barbanza. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta