Un sarxento da Brilat acepta seis meses de cárcere por tentar falsear un test de drogas

O soldado tentou simular a micción usando un bote de champú, pero o cabo encargado de tomar a mostra decatouse.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

Un sarxento da Brilat aceptou unha condena de seis meses de cárcere por tentar falsear un test antidroga para evitar dar positivo. Fíxoo empregando un bote de champú que levaba escondido nas mallas e no que portaba ouriños limpos. A análise practicada tras ser descuberto arroxou que o condenado consumira cocaína.

A sentenza contra este soldado, natural de Tenerife e que no momento dos feitos estaba destinado en Figueirido (Pontevedra), foi emitida polo Tribunal Militar Territorial número 41. Así, o sarxento, que agora presta servizo en Canarias, foi condenado por un delito de deslealdade ao ser descuberto cando tentaba falsear un test antidrogas realizado o 30 de xuño de 2019.

Como recolle o fallo xudicial, o cabo encargado de recoller as mostras de ouriños escoitou uns ruídos estraños no momento en que o sarxento se atopaba miccionando, momento no que percibiu un "soplido ao apertar algo e saír aire". A mostra de ouriños recollidos presentaba unha cor diluída e temperatura fría, o que aumentou as sospeitas do cabo, que decidiu requirir ao sarxento que se baixase os pantalóns e as mallas coas que ía vestido.

Soldados da Brilat. DELEGACIÓN GOBERNO
Soldados da Brilat. DELEGACIÓN GOBERNO

Nese momento caeu das mallas do sarxento un bote de champú no portaba os ouriños cos que pretendía falsear o test. Finalmente foi sometido a unha proba sen adulterar, na que deu positivo por cocaína.

O sarxento condenado contaba con antecedentes por feitos similares, pois en 2018 adulterara as mostras de ouriños que lle tomaron para un control de estupefacientes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta