Convocadas as axudas a empresas para investir en tecnoloxías forestais

Economía prevé mobilizar 34 millóns de euros con estas subvencións, cuxas solicitudes poderán presentarse a partir deste martes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia abre este martes o prazo de presentación de solicitudes de axudas para investimentos en tecnoloxías forestais, de procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, dotadas cun orzamento de 11,3 millóns de euros, coas que o Goberno galego pretende alcanzar 125 empresas. As subvencións, impulsadas pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), están cofinanciadas polos fondos europeos Feader.

O departamento de Economía sinalou, nun comunicado, que, mediante esta liña de axudas --con 877.000 euros máis de orzamento que a convocatoria anterior--, esperan mobilizar 34 millóns de euros. As axudas alcanzarán o 40% dos investimentos subvencionables, cun límite de 150.000 euros por beneficiario. Poderán beneficiarse das subvencións microempresas e pemes do sector forestal situadas en zonas rurais de Galicia. Os interesados poderán enviar as súas solicitudes a partir deste martes, 20 de abril, cun mes de prazo.

Entre os investimentos subvencionables atópanse as dirixidas a traballos de mobilización e primeira transformación de madeira, "incluíndo plans e ferramentas de mellora da xestión empresarial e a implantación e certificación da cadea de custodia". Na edición anterior, os apoios concedidos, segundo detallou a Xunta, alcanzaron os 10,38 millóns de euros e xeraron uns investimentos por valor de 31,4 millóns de euros que chegaron a 99 pemes e microempresas da industria forestal.

PAQUETE DE AXUDAS FORESTAIS

A Consellería destacou, ademais, que a liña de apoio ás tecnoloxías forestais forma parte dun paquete de medidas aprobado polo Consello da Xunta para "favorecer a modernización e achegar a innovación á industria forestal galega, co que se pretende mobilizar 40 millóns de euros".

O Goberno galego informou de que poñerá en marcha outras axudas, entre elas, á potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia, dotada con dous millóns de euros; e unha convocatoria de apoios por valor de 500.000 euros para a realización de accións formativas non reguladas por parte de asociacións sen ánimo de lucro representativas da cadea de valor forestal, entre outras entidades.

"Este conxunto de medidas contribuirá á consolidación das pemes que conforman este sector industrial, o que lles permitirá ser máis competitivas e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental, o que á súa vez contribuirá á xeración no ámbito rural tanto de valor económico como de emprego especializado e de calidade, fomentando a fixación de poboación", remarcou a Consellería de Economía.

Sector forestal
Sector forestal | Fonte: GC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta