Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/04/2021 | Actualizada ás 14:19
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo este martes un encontro co rexedor de Ames, Blas García, no que trataron os temas comúns que afectan a ambos os dous concellos, entre eles o proxecto de parque de bombeiros comarcal, que apostaron por deixar "enfocado" esta lexislatura.
Trátase da primeira visita institucional de Blas García como rexedor de Ames, despois da súa toma de posesión en substitución de José Miñones, actual delegado do Goberno en Galicia. Como arranque do seu mandato, iniciou unha rolda de contactos cos seus homólogos na comarca.
Blas García afirmou que a reunión foi "amena e cordial" e nela e tratáronse cuestións que afectan a estes concellos e problemas compartidos, como é o da liña de autobús de Ortoño.
O alcalde de Ames trasladou ao de Santiago a importancia que esta liña ten para a mobilidade de parte dos seus veciños e avanzou que están en conversas coa Dirección Xeral de Mobilidade para "asinar un convenio" e que ese autobús "poida empezar a funcionar canto antes", se pode ser este mes de maio.
Outro dos elementos de relevancia nestes concellos, así como noutros da comarca, é o parque comarcal de bombeiros, unha cuestión que Blas García apostou por "desatascar" e "ver a maneira de solucionalo".
Os concellos, dixo, "nunca mostraron predilección por ningunha das opcións" expostas, polo que está aberta a posibilidade de que "se solucione o tema e haxa un parque que dea servizo a toda a comarca", que podería ser o de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.