Os reveses inesperados de Feijóo que ameazan a súa imaxe de xestor e líder impoluto

Gañou as eleccións galegas case sobrado en xullo de 2020. Desde entón, as cousas comezaron a virar. Primeiro o Xacobeo 2021, logo os dramáticos efectos da terceira onda, a xestión das vacinas e, por último, a paralizacion da súa lei sanitaria. E, agora, con Ayuso como gran inimiga e, ademais, reforzada políticamente.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado 12 de xullo Feijóo saía victorioso e moi reforzado políticamente dunha contenda electoral que xirou en torno a súa figura. Comezaba a nova era de Feijóo cunha maioría absoluta reforzada, 42 escanos, e eminentemente presidencialista. E nesa nova era o líder do PPdeG deixou claro que el é un “verso solto” dentro do PP e que Galicia é o “seu” territorio para facer e desfacer a súa medida. Unha estratexia na que ten ao seu favor ás grandes multinacionais, ao sector bancario, ao empresariado galego –a pesar das súas diferencias internas-- e aos medios de comunicación tradicionais.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Feijóo comezaba a súa cuarta lexislatura con moi boas perspectivas. A pandemia parecía que remitía, as vacinas chegarían a final de ano, semellaba que o Xacobeo 2021 sería un revulsivo económico e o seu poder dentro do PP a nivel estatal era incontestable. Pero, as cousas pronto comezaron a mudar.

XESTIÓN SANITARIA

Primeiro foi a crise sanitaria. Se Galicia resistiu a primeira onda e mesmo a segunda, a terceira foi xa demoledora, demostrando que a decisión do Goberno da Xunta de permitir a mobilidade durante o Nadal, ampliar os horarios comerciais e de hostalaría e mesmo pospoñer o toque de queda para as xuntanzas familiares, non foi a mellor decisión, e tivo as súas consecuencias. En febreiro Galicia tivo o seu peor índice de mortandade nesta pandemia, con varios días de máis de 30 e ata 40 falecidos por día.

A inestabilidade sanitaria fixo tamén que naufragara outra das cartas de Feijóo. O Xacobeo, no que había postas moitas posibilidades económicas para saír da crise, tivo que ser adiado. Conseguiuse estendelo ata o 2022, pero, aínda así, é difícil que o vindeiro ano Galicia poida recuperar, de lonxe, as cifras turísticas xa non dun Xacobeo normal, senón dos últimos anos. 

Rajoy con Feijóo nun mitin
Rajoy con Feijóo nun mitin | Fonte: EP

E mentres a situación económica non se recupere, o líder do PPdeG fía todo a súa xestión da crise sanitaria. Unha xestión que o seu aparato de propaganda e os medios afíns din que é unha das mellores do Estado, pero que fixo augas, especialmente, en dous puntos moi importantes: a vacinación e a súa aclamada lei sanitaria que vendeu como un modelo a nivel estatal.

A VACINACIÓN

“Poderiamos vacinar a toda a poboación galega en dúas semanas se tiveramos as vacinas”, dicía o presidente galego a comezos deste ano cando se preparaba xa todo o protocolo para subministrar as doses. Unhas doses que tardaron en chegar e, algunhas delas, con problemas de fiabilidade engadidos, como a de Astrazeneca. E, precisamente, eses atrasos servíronlle a Feijóo para xustificar un inicio de vacinación con case os peores índices de todo o Estado.

O sistema de vacinación masivo e impoluto previsto por Feijóo comezou con grandes problemas, e non só pola falta de doses, senón pola falta de persoal, as improvisacións e a desorganización, que provocaron escenas de masificación en varias cidades, principalmente, en Santiago e Ferrol. Pero, novamente, o presidente galego, volveu dicir que se Galicia ía atrasada era por falta de vacinas e pola “reserva estratéxica de doses” por se hai falta de subministro.

LEI SANITARIA

Pero o gran revés sanitario de Feijóo coñecíase este mesmo martes. O Tribunal Constitucional admitía a trámite o recurso de inconstitucionalidade a petición do Goberno contra a Lei de Saúde de Galicia. Unha lei que o líder dos populares galegos encargouse de vender en todo o Estado como “modélica” e que aprobou sen admitir suxerencias nin da oposición, nin moito menos do Goberno central, a quen agora pide diálogo.

O TC foi contundente na súa resolución: mentres resolve sobre o fondo, deixa en suspenso a vixencia dos apartados recorridos, onde se inclúen, entre outros aspectos, a vacinación obrigatoria da poboación. Así, o Constitucional decidiu finalmente tramitar este recurso que o Goberno presentou o pasado 30 de marzo ao entender que certos puntos desta norma deberían formar parte dunha lei estatal e non autonómica e despois de escoitar ao Consello de Estado, que avalou a presentación de recurso.

Este gran tirón de orellas do TC obrigou ao presidente da Xunta a pedir, agora, o diálogo na comisión bilateral Xunta – Estado que non ofreceu na tramitación da lei. Este mesmo martes apuntaba que espera que as conversas entre os gobernos central e autonómico no marco do recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei de Saúde de Galicia termine por dar unha "solución extraxudicial" ás discrepancias para que a norma "recobre o vigor" o 9 de maio, cando finalice o estado de alarma.

En calquera caso, Feijóo reprochou que a Xunta se decatase "polos medios de comunicación" da intención do Goberno central de recorrer a reforma da Lei de Saúde e tamén que solicitaba a "suspensión da entrada en vigor" dos artigos impugnados. "Home, cando a un o denuncian non sería malo que se decatase antes do resto", dixo obviando que non é a primeira vez que el fai o mesmo con medios afíns, entre eles, La Voz de Galicia.

O PERIGO DE AYUSO

Non acaban aquí os problemas para un Feijóo que hai nove meses tiña todo o vento a favor, tamén dentro do seu partido, con vistas a cambiar Santiago por Madrid. A decisión de Isabel Díaz Ayuso de convocar eleccións anticipadas –seguindo unha estratexia que ao propio Feijóo lle ten dado bos resultados-- colleu co pé cambiado a boa parte do PP, incluído ao presidente galego.

A posibilidade de que unha das súas máximas rivais dentro do Partido Popular poida duplicar resultados e mesmo acadar a maioría absoluta na plaza máis codiciada polos principais partidos españois, cambia tamén as regras de xogo dentro do propio PP. Feijóo terá xa unha dura competidora se quere facerse co sillón de Pablo Casado. Unha competidora que, ademais, ten máis apoios e sae máis reforzada fronte a un Feijóo que en Madrid non deixa de ser “un verso suelto de la periferia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 baixomiño

Feijoo está totalmente protexido polos medios de comuinicación de Galicia. Mais se dá o salto a Madrid empezarián a sacarlle os trapos sucios, No PP sabenno, e a vida persoal, xestión e amizades sería un culebrón interminable..

1 CastelaoPaSogama

Eu penso que Feijoo non ten nada que facer a nivel nacional. El lle solta pasta á Voz e dalle boa imaxe. É a mesma receta que usa Lores en Pontevedra. Pero a nivel nacional non vai controlar a prensa hexemónica. Feijoo é moi vulnerable pola súa política lingüística, e descoñecido en moitos aspectos persoais. Alguén me chegou a dicir desde fora de Galicia, que as victorias de Feijoo escocían á esquerda porque Feijoo é moi católico... Se é ou deixa de selo mais ben, dame o mesmo, pero fora de Galicia non o coñecen. Nada que facer comtra Ayuso.

1 Alienao

Palabra de colonizado, con apartamento en Sanxenxo.

2 Rui do

Sangenjo, si se escribe en español ¿O es que tú dices London o New York?