Sanidade autoriza as atraccións de feira e amplía a asistencia a congresos

No caso dos congresos, admítese que poidan incrementarse aforamentos en supostos excepcionais, como a vacinación dos participantes

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/04/2021 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

As atraccións de feira, pechadas por mor da covid-19, volverán funcionar en Galicia desde o vindeiro venres, aínda que o farán cos aforamentos reducidos. Así o decidiu o comité clínico de expertos na última reunión para avaliar a evolución da pandemia en Galicia e anunciouno este mércores, en rolda de prensa, o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.

Con iso, autorízase de novo o funcionamento de atraccións de feira, aínda que o seu aforamento máximo será do 50 por cento no caso daquelas que se gocen sentados e do 30 por cento se hai movemento.

Por outra banda, o comité de expertos aceptou tamén incrementar a cifra de participantes en mercadillos e feiras. Concretamente, poderán colocarse o 100% dos postos naqueles con menos de 150 autorizados e o 75% nos que teñen entre 150 e 250 postos. Nos de máis de 250 postos operará o 50%.

Finalmente, outro dos sectores que desde o venres experimentará un incremento nos aforamentos será o dos congresos. Máis en concreto, auméntase a cifra máxima de participantes desde 300 a 500 cando o evento se celebre en interiores. Os congresos en exterior seguirán tendo un máximo de 1.000 participantes e será necesario manter as medidas de prevención e recomendacións das autoridades sanitarias en calquera caso.

No entanto, o conselleiro explicou que, "se as circunstancias" admiten a posibilidade de que un determinado congreso se sitúe por encima desta cifra de participantes, poderá facerse a través da solicitude dun informe previo a Saúde Pública. Entre os supostos que exemplificou García Comesaña para esta posibilidade está o que os participantes xa estean vacinados, como é o caso dos congresos médicos.

Noria no Nadal de Vigo
Noria no Nadal de Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta