A Xunta oculta máis de 100 proxectos privados dos fondos europeos por "confidencialidade"

O BNG redúceo a unha "listaxe abstracta" e o PSdeG critica a "propaganda", mentres Conde volve pedir ao Goberno "cogobernanza"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, entregou este mércores aos grupos parlamentarios un inventario das 247 iniciativas públicas que aspiran a fondos europeos Next Generation, nun dossier no que se non se atopan os 107 proxectos privados por "cofidencialidade". Así, o conselleiro de Economía interveu por terceira vez na comisión parlamentaria de reactivación, onde deu conta do global de 354 iniciativas "sólidas, maduras e viables" que presenta Galicia, as cales supoñen preto de 20.000 millóns de investimento.

Os 247 proxectos públicos tradúcense nun investimento duns 7.000 millóns (o 34,6%), fronte ás 107 iniciativas privadas cunha mobilización de 13.000 millóns (65,4%). Así, os proxectos agrúpanse en cinco áreas: economía circular e transición enerxética (son o 55%), 'hubs' de innovación dixital, industria 4.0 e TIC (o 16%), industria do mar e agro (12%), sanidade e coidados (9%) e mobilidade sustentable (8%).

No tocante aos proxectos de impulso público, divídense en: políticas de emprego e cohesión (43 propostas), innovación industrial e impulso de pemes (40), modernización do Sergas (27), conservación e restauración de ecosistemas (27) e mobilidade (21). Xunto a isto, referiuse a as iniciativas de carácter público-privado, como o Polo para a Transformación de Galicia, no que se inclúe, por exemplo, a xeración de hidróxeno verde coa instalación dunha planta inicial nas Pontes. Con todo, o conselleiro convida a enviar novas propostas para participar.

BNG CENSURA A "LISTAXE ABSTRACTA"

No debate, Noa Presas (BNG) reduciu a información achegada este mércores pola Xunta aos grupos a unha "lista abstracta", sen máis información sobre cada proposta. Ademais, negou "a maior" de que a Xunta buscase o consenso coa oposición, pois "unha mentira repetida mil veces non se converte en verdade", nunha "absoluta tomadura de pelo" ao Parlamento.

Presas tamén lle dixo a Conde que as súas queixas cara ao Goberno poden ser "exactamente as mesmas" que fai a oposición cara á Xunta, pois "non hai definición", "non hai transparencia" e "non hai mecanismos de participación". De tal modo, avanza que seguirán pedindo información, posto que recrimina ao Executivo autonómico que "está instalado na soberbia, a falta de diálogo e o autoritarismo".

O PSDEG CRITICA A "OPACIDADE"

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo un "suspenso claro" á Xunta na súa xestión das propostas Next Generation, sobre a que critica a súa "opacidade" e "segredo". Así, empraza ao Goberno galego a deixar a "propaganda continua". Aposta por unha folla de ruta "concertada" e "seria", para o que di ter a "man tendida" en prol do consenso.

E é que afea que a Consellería de Economía non se pode limitar a "coordinar xornadas e a colleitar 'powerpoints' para mandarlle un Excel ao Goberno de España". "Erraron coa reforma da Lei de Saúde, que fixeron sós ante o perigo ata que lla parou o Tribunal Constitucional por vulnerar dereitos fundamentais, e errarán se se presentan sós ante o perigo da crise sen buscar a concertación á hora de alcanzar financiamento de Europa", espetou Caballero a Conde.

Na súa quenda de réplica, Conde reprobou que "a oposición nin está nin se lle espera", pois non ofrece "nin unha soa proposta". Mostra a súa preocupación por se o PSOE xa sabe se o Estado vai ser o encargado de repartir "o 100%" dos fondos e vanse a "centralizar" competencias. "Hai un risco real", sostén, de non poder competir en "igualdade de condicións".

Fotos Xunta / Economía / Comisión Non Permanente Especial De Estudo Sobre A Reactivación Económica. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta / Economía / Comisión Non Permanente Especial De Estudo Sobre A Reactivación Económica. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta