O PSdeG presentará no Parlamento unha emenda á totalidade contra o proxecto de lei de universidade privada

"Cremos que é unha contradición que o Goberno da Xunta non permita ás universidades públicas ofertar máis prazas en titulacións nas que hai demanda, á vez que está disposta a pór a funcionar proxectos privados" declarou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2021 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, avanzou que a súa formación presentará na Cámara galega unha emenda á totalidade contra anteproxecto de lei de creación da Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada de Galicia e que está promovida por Afundación.

En declaracións aos medios tras reunirse co reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, o dirixente socialista asegurou respectar que poidan existir "iniciativas privadas" no ámbito da educación pero subliñou que o compromiso do PSdeG está "coa universidade pública".

"E cremos que é unha contradición que o Goberno da Xunta non permita ás universidades públicas ofertar máis prazas en titulacións nas que hai demanda, á vez que a Xunta está disposta a pór a funcionar proxectos privados", sostivo.

Neste sentido, sinalou que o Grupo Parlamentario do PSdeG presentará unha emenda á totalidade do anteproxecto que está na Cámara galega ao considerar que "implica duplicidade de títulos" e "disfuncionalidades". "E facemos un chamamento para que todo o que se faga desde a Xunta fortaleza o sistema universitario público do noso país", afirmou.

Gonzalo Caballro asegurou que o tres reitores trasladaron que as comunidades universitarias de Vigo, Santiago e A Coruña consideran que non é "adecuado" pór a funcionar unha universidade privada que "non é necesaria nestes momentos". "Porque as públicas están en condicións de poder ofertar esas titulacións con calidade docente e investigadora", apuntou.

O socialista subliñou apoiar as posicións dos reitores e puxo como exemplo da "duplicidade" que se orixinaría o feito de que na actualidade xa hai en todas as universidades e campus galegos titulacións en Administración e Dirección de Empresas (ADE). "Polo que ofrecer no ámbito privado unha nova titulación de ADE implica unha duplicidade de títulos, o argumento a través do cal a Xunta lle impide crecer ás públicas", sinalou.

Ademais, tamén dixo que, nas universidades públicas, os alumnos que pagan unhas taxas de entre "700 ou 1.000 euros" poden ter un curso académico completo mentres que, na privada, "vai supor que teñan que pagar un mínimo de 7.500 euros para cursar estudos".

"As universidades privadas teñen que garantir todo o rigor docente e investigador, e un proxecto de universidade privada que expón ter un conxunto de 50 profesores, nin tan sequera a tempo completo, é un exemplo de como temos que mellorar o sistema para garantir que o mesmo rigor que lle pedimos ás públicas, exista tamén nas universidades privadas", apuntou.

FINANCIAMENTO

Tras a reunión, na que tamén participou a parlamentaria Noa Díaz, Gonzalo Caballero tamén instou ao Goberno galego a reformar o financiamento das universidades públicas galegas no plan que irá de 2022 a 2026 para dotalas de máis recursos e que poidan fortalecer o seu cadro de persoal docente e investigador.

O líder dos socialista galegos mantivo este mércores un encontro co reitor da USC no marco da súa rolda de contactos polas universidades galegas, iniciada o xoves con Manuel Reigosa, o reitor da Uvigo.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e o secreatario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na reunión. PSDEG
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e o secreatario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na reunión. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta