Feijóo di que Galicia necesita dúas grandes pasteiras e aposta por rescatar Ence

O presidente galego confirma que se poden utilizar fondos europeos para tentar darlle unha viabilidade ao proxecto de Ence en Galicia noutro emprazamento.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/04/2021 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

O goberno da Xunta co seu presidente á cabeza está firmemente convencido da necesidade de que Galicia non só manteña a gran empresa pasteira que xa ten, a de Ence, actualmente na ría de Pontevedra, senón que debe acoller outra megafactoría de tratamento da madeira a pesar da contaminación que estas poden xerar.

Imaxe da papeira de Ence na Ría de Pontevedra
Imaxe da papeira de Ence na Ría de Pontevedra | Fonte: ndignatepontevedra.wordpress.com

Así o confirmou Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta na que confirmou que o Executivo galego está firmemente comprometido co mantemento de Ence en Pontevedra e, se non se pode aí, pois haberá que buscarlle outro lugar. E, para iso, dixo, poderán utilizarse fondos europeos.

Ademais, aclarou que, na situación de crise actual e, "sendo Galicia unha potencia madeireira", non se pode prescindir desta grande industria que "move milleiros de postos de traballo", entre traballadores, transportistas e propietarios de explotacións madeireiras. E, neste sentido, foi máis alá e suliñou que, ademais de Ence, o país precisa outra mega industria madeireira para poder tratar toda esa madeira.

"Necesitamos dúas grandes pasteiras porque Galicia ten o 46% da masa madeireira de España", defendeu. E, para iso, insistiu, non tería dúbidas en utilizar os fondos Next Generation. "Se hai fondos aos que se poden acoller multitude de empresas, por que non?. A nós válenos tanto Ence como outra gran pasteira porque necesitamos dúas en Galicia", afirmou.

PROXECTOS EUROPEOS

Feijóo destacou que a súa postura a este respecto é coñecida e é que Ence se manteña na ría de Pontevedra e, se non pode, pois buscarlle outro emprazamento. "E se se pode facer con fondos europeos, pois millor", asevereou. "Entón presentaron xa Ence e a Xunta un proxecto conxunto para recibir fondos Next Generation?", preguntoulle GC. "Ence non presentou nada. Nós si presentamos un importante proxecto no ámbito forestal que recolle a posibilidade de crear unha gran fábrica de fibra téxtil", respondeu. 

Instalacións de ENCE na beira da Ría de Pontevedra, en Lourizán
Instalacións de ENCE na beira da Ría de Pontevedra, en Lourizán | Fonte: ence.es

"Ence o que di é que non quere saír da ría de Pontevedra, pero o óptimo sería pois trasladar as instalacións e se Ence quere trasladarse pois se poderían utilizar fondos europeos para iso", indicou. En todo caso, aclarou que a aprobación destes proxectos depende do Goberno central e avisou que na súa Lei de Transición Tecnolóxico xa recolle a posibilidade do peche da empresa na ría. "E se di que a concesión está en suspenso pois o proxecto tamén podería decaer", engadiu. 

Feijóo insistiu en que hai dúas posturas sobre Ence; a dos socialistas e nacionalistas, "que queren fechar a empresa", e a da Xunta que, "primeiro quere que se manteña aberta onde está e, se non é posible, pois buscarlle outra ubicación se está disposta a trasladarse".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ganhans Non

Galiza por desgraza xa ten 2 pasteiras. A outra está en Navia, que aínda que sexa Asturias, fundamentalmente usa eucalipto da Mariña. Na pŕáctica Galiza ten dúas pasteiras e as dúas son de ENCE.

1 nqhs

Os fondos europeos son para fomentar a biodiversidade, pero aquí usanos para crear un monocultivo de eucalipto a longo prazo, por iso a U.E. non debe dar diñeiro para isto.