120.000 euros da Xunta para as 12 feiras do libro

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/04/2021 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A Xunta colaborará na celebración dos doce eventos do calendario das feiras do libro de Galicia que se celebrarán este ano, cunha achega de 120.000 euros. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, asinaron este xoves o convenio de colaboración polo que o Goberno galego será a principal institución patrocinadora do calendario.

Acordo sobre as feiras do libro entre Xunta e Federación de Libreiros
Acordo sobre as feiras do libro entre Xunta e Federación de Libreiros | Fonte: Xunta.

Este convenio, enmarcado no 'Plan de reactivación para o sector cultural', busca achegar o libro á cidadanía a través da exhibicións, difusión e comercialización profesional e de establecer puntos de encontro coa sociedade.

Neste sentido, Rodríguez destacou que este apoio reflicte o compromiso da Administración autonómica co sector cultural e para dar a coñecer "o mellor" da creación.

"Mediante a promoción dos autores, o impulso de certames literarios e premios ou a posta en valor do traballo feito polos profesionais do sector do libro á vez que se fomenta a lectura e poténciase a cultura literaria entre a sociedade", engadiu.

Tamén lembrou outras accións da Consellería neste sentido, como os 1,4 millóns de euros para impulsar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas, mellorar as súas coleccións e subvencionar a compra de novidades editoriais, ou a liña de axudas para a tradución de obras xa publicadas.

Nos próximos meses abriranse varias convocatorias de subvencións dirixidas a gastos de edición, distribución e comercialización; facilitar a asistencia de escritores a festivais e feiras ou axudar ás librarías a realizar actividades de difusión.

CALENDARIO

O circuíto das feiras do libro conta con 12 citas, catro máis que o pasado ano, que arrincarán este venres en Ferrol e seguirán por Santiago, O Porriño, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz. A última terá lugar no mes de agosto en Monforte de Lemos.

Ademais, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feiras Liber, en Madrid, e de Frankfurt, previstas para o próximo mes de outubro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta