Galicia completará a vacinación de todos os maiores de 60 anos antes de facelo cos colectivos esenciais

Sindicatos da Policía Nacional denuncian que o Sergas non lles vacina e ameazan con pedir amparo ao Ministerio como en Cataluña.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/04/2021 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

A Dirección de Saúde Pública estudará "con detalle" a nova actualización da estratexia de vacinación acordada na Comisión de Saúde Pública o pasado martes e que decidiu, entre outras cuestións, retomar a vacinación dos esenciais en canto se remate cos grupos prioritarios por idade.

Unha sanitaria vacina a unha muller maior de 80 anos coa dose de Moderna no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Unha sanitaria vacina a unha muller maior de 80 anos coa dose de Moderna no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: Europa Press.

Deste xeito, aínda que inicialmente se decidiu que aquelas persoas que pertencían a colectivos esenciais serían vacinadas polo seu grupo de idade, agora introducíronse matices.

Fontes da Consellería de Sanidade contestaron que Galicia seguirá a prioridade de vacinar primeiro a todos os maiores de 60 anos, un obxectivo que tamén vén marcado na sexta actualización do plan de vacinación acordado na Comisión de Saúde Pública, na que están representadas todas as comunidades.

Respecto diso, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu a reiterar este xoves que o obxectivo se mantén en vacinar a todos os maiores de 60 anos no mes de xuño, unha medida epidemiolóxica que, ademais, facilitaría outras no ámbito económico, como a reapertura do lecer nocturno.

Isto, como explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, non porque haxa unha relación directa entre as persoas que participan máis do lecer nocturno e os grupos que se esperan vacinar, senón polo que supón para o control e expansión do virus.

Así as cousas, a Consellería de Sanidade explicou que Galicia rematará primeiro a vacinación do grupo 60-65 anos e despois iniciará a inmunización do colectivo entre 66 e 69 anos, que agora mesmo está á espera de ser chamado. Pola súa banda, avanza a inmunización dos maiores de 70, ao alcanzar xa a oito de cada dez cidadáns galegos con polo menos unha dose recibida.

Unha vez que o Sergas finalice co colectivo entre 66 e 69 anos, priorizarase ás persoas dos grupos declarados esenciais menores de 60 anos e que non están vacinados. No caso dos docentes galegos, trátase dun 16 por cento, mentres que na comunidade educativa hai outro 12 por cento de persoal non docente que non recibiu ningunha dose.

Paralelamente, Galicia conta cunhas 60.000 persoas de colectivos esenciais que xa recibiron a primeira dose de Astrazeneca e que están á espera dos estudos que determinen con que segunda vacina van ser administrados.

QUEIXAS DOS POLICÍAS

Precisamente este xoves, as organizacións sindicais representativas da Policía Nacional en Galicia CEP, SPP, SUP e UFP denunciaron que os funcionarios de entre 56 e 60 anos non foron vacinados como parte do colectivo esencial --os galegos de máis de 60 anos están a ser chamados agora para recibir as inxeccións contra a covid-19--.

Advirten de que "seguen sen noticias sobre a súa vacinación e descoñecen cando lle administrarán algunha das doses aprobadas", polo que se "incumpre a estratexia de vacinación", segundo dixeron, en referencia á actualización do pasado martes e sobre o que a Xunta manifestou que primeiro terminará cos maiores de 60 anos.

"A pesar de representar un dos rangos de idade con maior risco de contaxio dentro, entre os axentes que prestan labores operativos, desde a Xefatura Superior de Policía descoñécese que solución se dará a estes funcionarios", apuntaron os sindicatos, que sinalaron que a vacinación para menores de 60 anos "atópase suspendida e que as listaxes foron remitidos ao Sergas".

Tamén denuncian que os policías, por non pertencer ao Sergas, "non teñen acceso á plataforma é-saúde", o que tamén lles imposibilita contar co certificado de vacinación, así como tampouco se poden beneficiar da realización de test de saliva en farmacias.

Por iso, remitiron unha carta ao conselleior de Sanidade pedindo que "de forma urxente" se cite os policías de entre 56 e 60 anos, inclusive aos que se atopen en incapacidade temporal. De non logralo, pedirán o "amparo" do Ministerio de Sanidade, como ocorreu en Cataluña, "para protexer aos que teñen a misión de protexer aos demais".

Tamén piden que se lles outorgue a certificación de vacinación e o acceso ao test de saliva en farmacias, así como en todas as iniciativas que leven a cabo por parte da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta