O TS revisará o caso dun condenado por un asalto polas probas que apuntan a outro autor

Un informe de Criminalística concluíu que o ADN achado no pasamontañas utilizado polo asaltante non coincidía co do condenado

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2021 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A Sala Segunda do Tribunal Supremo (TS) autorizou a interposición dun recurso de revisión en relación ao caso dun condenado por un asalto cometido na Guarda (Pontevedra) en 2016 que permanece en prisión desde abril de 2020 a pesar de que un informe posterior sinalou que o ADN detectado no pasamontañas utilizado polo autor durante os feitos correspóndese co doutra persoa.

Nun auto, o Supremo autorizou a interposición do recurso de revisión promovido polo condenado contra a sentenza ditada en xuño de 2017 polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra, que lle interpuxo unha pena de catro anos e tres meses de prisión por un delito de roubo con violencia en casa habitada.

A Sala Segunda do Supremo lembrou que o xulgado "baseou o fallo no recoñecemento do acusado por parte dunha testemuña", aínda que "a análise das impresións dixitais na cinta illante colocada polo autor dos feitos á vítima dera resultado negativo" e "o resultado da análise do ADN no pasamontañas que levaba o autor dos feitos non se emitiu".

O avogado do condenado, Guillermo Presa, relatou a Europa Press que os feitos tiveron lugar en 2016, cando un home asaltou a vivenda doutro home na Guarda ao que amordazou cunha cinta illante. Posteriormente, o asaltante saíu á rúa, onde se lle caeu o pasamontañas que levaba posto e que outra persoa o recolleu e entregou á vítima.

Tras emitirse o informe sobre o ADN detectado no pasamontañas, sinalou que o xulgado de instrución de Tui "tentou pór (o informe) en coñecemento do Penal 3 de Pontevedra", pero "a condena xa fora ditada" e "decidiuse arquivar". "Non se continuaron as xestións, arquivouse e non se comentou nada ao meu cliente", sinalou Guillermo Presa.

Recentemente, o avogado recibiu o caso e, tras acceder a unha copia do informe de ADN, decidiu presentar un recurso de revisión que foi autorizado polo Supremo, que deberá emitir unha resolución respecto da cuestión exposta. O Tribunal Supremo resaltou que o recurso de revisión é "un proceso extraordinario" e "excepcional" que reclama "a esixencia da xustiza en que sexan anuladas aquelas sentenzas condenatorias de quen resulte posteriormente acreditado que foron indebidamente condenados".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede do Tribunal Superior de Xustiza. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta