Sanidade pública ao teléfono: "Nin sequera cuns vultos nos dedos te miran presencialmente"

Pacientes e profesionais móstranse preocupados porque a "necesaria atención presencial" sexa substituída por chamadas telefónicas duns cantos minutos. O acceso á Atención Primaria segue restrinxido para a cidadanía de moitos lugares e as listas de agarda non deixan de engrosar.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Eu sempre apostei pola sanidade pública. Mentres fun funcionaria dábanme a posibilidade de optar por un concerto coa privada, e desde o comezo eu escollín sanidade pública. Hoxe, xubilada, estou pensando en cambiarme. Creo que isto reflicte un pouco como está a situación". Quen fala é unha muller de Cangas e o seu sentir pon sobre da mesa o cansazo da poboación ante o "deterioro" da atención no Servizo Galego de Saúde. Os recortes que dende a Xunta de Galicia se veñen aplicando sobre a Atención Primaria dende hai anos cristalizan na precariedade laboral dos profesionais da saúde; unha precariedade que, en último termo, paceden as persoas usuarias do servizo pola perda de calidade na atención das patoloxías e problemas dunha poboación cuxa saúde empeora globalmente. 

Mobilización de A Voz da Sanidade pola mellora da Atención Primaria
Mobilización de A Voz da Sanidade pola mellora da Atención Primaria | Fonte: arquivo

A pandemia da Covid acabou por romper as costuras da Atención Primaria como elo fundamental do sistema sanitario. A accesibilidade das persoas aos centros de saúde viuse restrinxida desde a chegada dos confinamentos e as chamadas telefónicas substituíron en boa medida as consultas presenciais co médico ou médica de cabeceira, unha situación que, daquela, se enmarcaba dentro dun estado de excepcionalidade onde cumpría evitar aglomeracións nas salas de espera e protexer da Covid a profesionais e pacientes.

Agora ben, está xustificado manter neste momento, e de aquí en diante, esas limitacións ao acceso aos centros de saúde e esas consultas telefónicas como norma xeral? Feijóo dá en chamar a este modelo "sanidade do futuro" -  máis concretamente, di que "toda medicina que se poida facer sen presenza física é medicina do futuro" -; mais profesionais e pacientes advirten dos riscos de estender a atención sanitaria non presencial máis alá do contexto da pandemia cos criterios que agora mesmo se están aplicando. De feito, un berro unánime resoou nas rúas galegas o pasado mércores para demandar a "recuperación" do sistema público de saúde: "Cita presencial, non virtual", podía escoitarse ao longo de todas as concentracións.

ATA 20 DÍAS DE AGARDA PARA UNHA CHAMADA

A falta de persoal médico e administrativo, unido ao abuso da atención telefónica na sanidade pública, provoca que as listas de espera nos centros de saúde para unha chamada duns poucos minutos alcancen os 20 días. Ante a ausencia dunha resposta máis inmediata, moitas pacientes vense na obriga de telefonar ou acudir a urxencias, pedir favores a persoas achegadas ao ámbito sanitario ou mesmo autodiagnosticarse, automedicarse e tratarse elas mesmas sen a supervisión de ningún profesional. Cando o dique da Atención Primaria deixa de funcionar, o resto do sistema descompénsase. 

Centro de saúde de Galicia con profesionais de Atención Primaria en folga. REMITIDA - Arquivo
Centro de saúde de Galicia con profesionais de Atención Primaria en folga. REMITIDA - Arquivo

Galicia Confidencial fai unha primeira chamada múltiple a tres persoas de Cangas. Unha delas é Carmen Nores, presidenta da Asociación A Voz da Sanidade de Cangas, que se mostra "moi preocupada" pola aplicación da atención telefónica como "norma xeral". Deixa claro que non teñen un posicionamento contrario ás consultas telemáticas, mais esixen uns criterios claros de atención e información á poboación sobre o tipo de asistencia para "non xerar problemas de desigualdade".

Nores axiña dá a palabra á súa compañeira, de iniciais M. LL. F., para que relate a súa experiencia: "O 24 de febreiro pedín cita porque presentaba dor de oído con supuración, e déronma para o 9 de maio, por iso decidín ir a urxencias e aí deriváronme ao Hospital Cunqueiro. Aténdente antes no Cunqueiro ca no teu propio centro de saúde", denuncia. M. tamén está á espera dos resultados dunha analítica á que se someteu antes da Semana Santa. "Se teño algo mal, fíxate xa cantos días van!", critica sobre o tempo de agarda. "E quero dicir outra cousa" - engade - "a xente foi desatendida durante a pandemia. O meu marido faleceu por ese motivo. Teño outra compañeira cuxa parella estaba proposta para transplante de fígado, non foi operado, e agora loita contra un cancro. Algún día teremos que manifestar estas situacións alto e claro", sentenza. O seu descontento e rabia lévaa agora a valorar un traspaso á sanidade privada. 

Tralo seu relato, M. cede entón a palabra a N. M. C., un mozo que sufriu un accidente nun adestramento de remo no mes de agosto. "Afundimos e pasei moito tempo na auga. Mostraba principios de hipotermina e aos dous días tiña 40 de febre e unha dor de gorxa moi intensa. Dende o primeiro momento me trataron como paciente covid". En ningún momento foi visto presencialmente, nin sequera trala PCR negativa. No centro de saúde dábanlle cita para 15 días despois e en urxencias só lle receitaron paracetamol por teléfono. "Tiven que colapsar o sistema telefónico do centro de saúde para conseguir que me atendera o médico. Pedinlle que me vise, porque levaba tres días sen comer, pero só me deu un antibiótico nesa mesma chamada", critica N., que conta así mesmo a mala experiencia da súa nai con artrose. Nestoutro caso, a muller botou "dous meses" intentando ter unha consulta co médico trala aparición duns vultos nos dedos que lle provocaban moita dor. Tampouco a viron presencialmente en ningún momento. "A finais de marzo, tres meses despois, déronlle cita no reumatólogo, pero déronlla para xullo. Sabes o que acabou facendo miña nai?" - relata o mozo - "Colleu un alfinete e sacou ela mesma os vultos; porque non podía coa dor". 

Estes son só dous dos duros relatos que se agochan trala precariedade e o desmantelamento da sanidade pública galega. Na outra punta do país, dende Baleira (Lugo), outra paciente que prefire manter o seu anonimato conta a Galicia Confidencial que o centro de saúde segue sen dar citas presenciais "aínda que ti consideres que a necesitas", unha cuestión que denunciou o propio PSOE de Baleira. "Pouco despois de vacinarme, apareceume unha dor no peito, custábame respirar e tiña manchas vermellas pola pel. A médica viume ao día seguinte, pero non me receitou nada", relata. Os seus síntomas empeoraron e esta persoa volveu pedir cita, mais neste caso non lla deron ata dez días máis tarde, e telefónica. Denuncia ao mesmo tempo que a médica lle "negou a baixa" por consideralo un "trámite burocrático non urxente". "No traballo teño que coller unha persoa maior en brazos. Só puiden descansar os tres días que me deu a xefa. Incorporeime con dor", fala ao teléfono. A saúde vólvese entón cuestión de fortuna: "Teño a sorte de que un veciño meu traballa no Hula (Hospital Universitario Lucus Augusti) e me deu o medicamento que precisaba. Tamén por sorte, á larga foime pasando e non tiña que ver coa vacina", conta a paciente.

Baleira quedou cun só profesional cando o outro médico se xubilou e ninguén cubriu a súa vacante. "A médica di que traballa moitísimo e que non pode atender a todos, eu enténdoo, pero merecemos unha sanidade digna. E aquí está sendo un desastre de principio a fin. Se a presencial xa é deficiente, a telefónica é nefasta", critica. "Na miña cabeza non entra que se atenda a un paciente con determinadas patoloxías por teléfono. Como lle describo eu as miñas manchas vermellas? Non son médica, non sei explicalas", relata esta muller, que pon así en evidencia as dificultades de entendemento que pode provocar a comunicación telefónica nunha cuestión tan delicada coma a saúde.

"O TELÉFONO NON PODE RESTRINXIR O ACCESO AOS CENTROS DE SAÚDE"

Pola banda dos profesionais sanitarios tamén se mostra preocupación pola posibilidade de que a pandemia estea sendo utilizada como excusa para "substituír a necesaria atención presencial pola atención telefónica". Flora Miranda, médica do centro de saúde da Estrada, facilitou "dende fases moi iniciais da pandemia" que as persoas puidesen ir espontaneamente ao mostrador do centro pedir cita presencial, aínda que é consciente da "variabilidade" das situacións nos ambulatorios: "onte mesmo miña nai fixo 150 quilómetros para vir aquí porque no seu centro de saúde había unha demora de dez días", relata. "Non podemos ampararnos no argumento da pandemia para manter indefinidamente este réxime de non presencialidade; isto ten un risco inmenso. Non podemos permitirnos que a xente deixe de confiar na Atención Primaria e deixe de considerala o lugar máis accesible do sistema sanitario", defende. 

Segundo esta profesional, a opinión tampouco debe situarse no outro extremo: na demonización da atención telefónica. Por unha banda, porque "sacou dun apuro" cando había que evitar aglomeracións; e pola outra, porque é "válida e útil para facer seguimentos, consultas puntuais de receitas, dar pautas, transmitir pequenos recados... e, ás veces, incluso ten o seu valor como criba", sinala. Ambos réximes poden convivir e ser complementarios sempre e cando non se "devalue o papel da Atención Primaria e non se restrinxa a accesibilidade", un concepto sobre o que, di, tamén cómpre traballar fondamente. "Hai que deseñar a forma de acceso máis oportuna para cada persoa, ter en conta as limitacións sensoriais e fiar moi, moi fino para non fomentar a exclusión de pacientes do sistema sanitario". 

"HAI QUE POTENCIAR AS ÁREAS ADMINISTRATIVAS"

Jesús Sueiro, médico nun centro de saúde de Compostela e portavoz da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), atende na actualidade un 20% ou 30% de consultas de maneira presencial, chegando algunhas veces á metade. No seu relato, pon o foco no "colapso existente no acceso do cidadán a unha cita telefónica", o que provoca esas grandes listas de agarda para unha soa chamada médica.  "Faltan telefonistas, hai que potenciar as áreas administrativas para ordenar a atención e definir boas directrices para distribuir as persoas aos lugares onde sexan mellor atendidas. Por exemplo, o 30% das consultas que facemos teñen que ver con cargar medicamentos nas receitas; paréceme ineficaz e que non engade valor que esa tarefa a fagamos nós", relata. Ao fío disto, a médica Miranda tamén aposta pola eliminación da atención robótica. "Parte da accesibilidade ao sistema sanitario do Sergas é a través de centrais de chamadas que resultan impracticables. A atención administrativa por persoas é mil veces mellor". 

Conscientes de que son necesarios "serios esforzos" para volver rescatar niveis de calidade no sistema público, os profesionais claman por un "sistema sostible", "capaz de absorver situacións de picos de demanda". "O 90% do ano estamos con todo tipo de sobrecargas por miles de motivos", denuncia Sueiro, que aproveita tamén para facer unha defensa clara da necesidade de que a atención sanitaria estea "imbricada na comunidade e actuar nela". "Non pode ser que un centro de saúde atenda pacientes de mil sitios, porque lle quita esa referencia comunitaria propia del. Hai que volver poñer as raíces dos centros nas comunidades". Miranda, pola súa banda, remata o seu relato cun sinalamento directo á Consellería de Sanidade como "principal responsable" da saturación da Atención Primaria, "base do sistema" do que depende a saúde dos galegos e galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta