Investigadores galegos mostran a eficacia dos drons para desinfectar espazos abertos contaminados con coronavirus

Un equipo da Universidade de Vigo defende o uso destes aparellos como método máis competitivo para a desinfección de áreas recreativas ao aire libre.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Investigadores da Universidade de Vigo veñen de presentar os resultados dun proxecto que ten como obxectivo o desenvolvemento dun sistema de desinfección contra o coronavirus empregando dispersión de líquidos mediante sistemas aéreos non tripulados, os coñecidos como drons. Aproveitando a “madurez” que xa ten a tecnoloxía de limpeza con drons, o seu traballo centrouse durante os últimos meses no desenvolvemento dun sistema de información xeográfica a nivel galego e dunha metodoloxía que permita optimizar o seu uso nesta crise sanitaria.

Dron utilizado en experimentos da Universidade de Vigo para desinfectar espazos abertos contaminados co coronavirus SARS-CoV-2
Dron utilizado en experimentos da Universidade de Vigo para desinfectar espazos abertos contaminados co coronavirus SARS-CoV-2 | Fonte: González Jorge, H.; González de Santos, L.M.; Fariñas Álvarez, N.; Martínez Sánchez, J.; Navarro Medina, F. Operational Study of Drone Spraying Application for the Disinfection of Surfaces against the COVID-19 Pandemic. Drones 2021, 5, 18.

Os investigadores probaron un sistema de drons de pulverización para a desinfección en espazos abertos que normalmente comparten as persoas. Para os seus experimentos, avaliaron o comportamento operativo destes aparellos en tres escenarios diferentes: un skatepark cunha superficie de 882,7 metros cadrados, un ximnasio ao aire libre cunha superficie de 545 m2 e unha pista polideportiva de 2.025,7 m2.

O estudo operativo centrouse en avaliar o comportamento estático e dinámico, así como a influencia da altura de voo, a velocidade e o fluxo de pulverización

Os experimentos realizados mostran que o uso dos drons é fiable e eficiente. Proporcionan unha pulverización precisa que se pode parametrizar e avaliar o seu custo”, destacan os investigadores tras a realización das probas estáticas e dinámicas.

Na súa opinión, o uso de drons neste tipo de espazos sería máis eficaz que o traballo humano de limpeza, “especialmente nalgunhas áreas como as bancadas da pista polideportiva ou algúns elementos do ximnasio ao aire libre”, que, entre outras cousas, “non garanten que o traballo se realice como un procedemento sistemático” e que abranga todos os espazos e recunchos.

Dos seus resultados destacan que “as probas estáticas mostran unha grande influencia na calidade da pegada co vento, mesmo para velocidades de vento máis baixas. Esta influencia aumenta co aumento da altura de voo. A altura máis recomendada para unha correcta pulverización co sistema de drons en estudo é de tres metros”.

Salientan, ademais, que “as probas dinámicas demostran que a unha altura inferior aos tres metros tamén proporciona a pegada de pulverización máis adecuada, logrando 2,4 metros para unha velocidade de 0,5 metros por segundo”.

As probas mostraron que a limpeza completa e efectiva do skatepark mediante drons necesita 41 minutos, o ximnasio ao aire libre require 28,6 minutos e o campo polideportivo necesita hora e media (96,4 minutos), incluídos a duración do voo, o cambio de batería e a recarga do tanque.

“Ademais”, engaden, “hai que ter en conta que a operación podería realizarse empregando só un piloto de drons, o que a fai competitiva en relación aos custos fronte a outras metodoloxías de limpeza”, destacan.

Para avanzar neste método de desinfección consideran que “sería de interese estudar outros drons no mercado que poidan cargar grandes volumes de líquido”, o cal “seguramente aumentaría a produtividade do método, xa que un dos maiores atrasos no procedemento está relacionado co tempo de recarga do depósito”.

Para paliar isto tamén propoñen o “desenvolvemento dunha estación de recarga automática de terra, quizais en combinación con estacións de recarga de baterías de drons”.

O proxecto, que se puxo en marcha en maio de 2020, co inicio da desescalada tras o confinamento total da poboación por mor da pandemia de covid-19, foi financiada con 55.000 euros pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, é é parte das oito solucións elixidas, entre as 160 recibidas, na convocatoria feita pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento de proxectos innovadores fronte á covid-19.

O seu investigador principal é Higinio González, profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, complentado o equipo os profesores Fermín Navarro, do mesmo centro, e Joaquín Martínez, da Escola de Enxeñaría de Minas, e o persoal investigador Luis Miguel González, Noelia Fariñas, Lorena Docasar e Alejandro Gómez.

O traballo desenvolveuse entre xuño e decembro de 2020 e agora os seus resultados son publicados na revista científica internacional Drones.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta