Unha obra en galego gaña por primeira vez o Premio Nacional de Poesía

O escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) foi galardoado co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra “Os ángulos da brasa”, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, da editorial pontevedresa Kalandraka.

Por GC Tendencias | Madrid | 08/10/2013 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

É a primeira vez que esta distinción que  concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recae nun  autor por unha obra en galego. “Os ángulos da brasa” xa recibira o  Premio da Crítica Española 2012, o Premio Ánxel Casal de Poesía  2012 que outorga a Asociación Galega de Editores e o Premio da  Asociación de Escritores en Lingua Galega 2013. 

Manuel Álvarez Torneiro
Manuel Álvarez Torneiro | Fonte: Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

“Os ángulos da brasa” será un dos libros expostos no stand da editorial pontevedresa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que  comeza mañá. Consta de 67 composicións divididas en tres seccións  -Trama de vida, Terreal e sagrado e Tapiz de cinsa- nas que Manuel  Álvarez Torneiro reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións  íntimas e os pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra. 

Manuel Álvarez Torneiro traballou durante moitos anos como  xornalista para o diario La Voz de Galicia. Con 50 anos publicou o  seu primeiro libro de poesía, “Memoria dun silencio”. Dende  entón  a súa traxectoria literaria suma outros sete títulos, polos que obtivo  o Premio Esquío (1995), o Premio González Garcés (1999) e o  Premio da Crítica Española en dúas ocasións: en 1999 por “Luz de  facer memoria” e en 2012 por “Os ángulos da brasa”. Tamén foi  finalista do Premio Nacional de Poesía en 2003 por “Epicentro”. 

O Premio Nacional das Letras Españolas na categoría de poesía -dotado con 20.000 euros- distingue  o conxunto do labor literario, en calquera das linguas oficiais, dun autor cuxa obra estea considerada como parte integrante da literatura española actual.

No xurado desta edición  participaron a directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, Teresa Lizaranzu; a subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández; Inés Fernández-Ordóñez, Basilio  Losada, Amaia Jauregizar, Susana Rafart, María Isabel López, Juan Ángel Juristo, Juan José Lanz,  Ramón Sánchez-Ocaña, María Ángeles Egido, Jaime Siles e os dous últimos galardoados co Premio Nacional de Poesía, Antonio Carvajal e Francisca Aguirre; por último, Alicia García, do Servizo de Promoción das Letras, en calidade de secretaria. 

Manuel Álvarez Torneiro na presentación do poemario Os ángulos da brasa Alvarez Torneiro
Manuel Álvarez Torneiro na presentación do poemario Os ángulos da brasa Alvarez Torneiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta