Máis do 25% do profesorado funcionario xubilarase nos próximos anos

Así se extrae dun estudo feito por CIG-Ensino, que sinala que o "relevo xeracional" será destacado no corpo de mestres e especialidades con máis docentes de Educación Secundaria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2021 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

Unha porcentaxe superior ao 25% dos funcionarios docentes poderían xubilarse nos próximos anos. Esta é unha das conclusións ás que chega o estudo desenvolvido por CIG-Ensino a partir dos datos facilitados pola Consellería de Educación. Tendo en conta a marxe de erro que provocan as xubilacións anticipadas, a CIG indica que nos próximos cinco anos as taxas de reposición poderían ser superiores a 5.000 docentes, "con cifras anuais, polo tanto, similares ás destes últimos anos". 

Unha profesora vixía unha clase mentres estudantes das materias. Marta Fernández Xara - Europa Press
Unha profesora vixía unha clase mentres estudantes das materias. Marta Fernández Xara - Europa Press

Este "importante relevo xeracional" producirase, sobre todo, no corpo de mestres e especialidades con máis docentes de Educación Secundaria, posto que son as que "copan os primeiros postos de profesorado entre 55 e 65 anos". "Destaca especialmente a cifra de 1.316 de Primaria así como as 488 de Infantil, 360 de PT ou 249 de Inglés", sinala o estudo do sindicato.

Así mesmo, no corpo de profesorado de secundaria destacan por cifras absolutas aquelas especialidades que superan as 300 profesoras e profesores destas idades: Inglés, con 500 docentes nesa franxa, e Lingua Galega, con 447 próximas xubilacións, son as especialidades que requirirán unha maior demanda de docentes, mais tamén salientan os 355 docentes de Xeografía e Historia ou os 343 mestres de Matemáticas. Porén, dende a CIG indican que as porcentaxes de docentes próximos á xubilación esténdese "case por igual" nas especialidades que imparten docencia na ESO e o Bacharelato e, en cifras relativas, tendo en conta o total de docentes en activo e cada especialidade, son moi elevadas en case todas.

 

No caso das especialidades da Formación Profesional a situación é bastante diferente, de maneira que se evidencia a diferenza entre aquelas especialidades cunha maior implantación e aquelas máis novas e minoritarias.

AS XUBILACIÓNS, UN COLCHÓN INSUFICIENTE

A CIG indica que o alto índice de xubilacións, cunha rotación importante nas listas de interinidades, está a servir en moitas especialidades como "protección fronte ao que podería ter sido unha desfeita para o profesorado interino", ao se manter no bando sindical e na Consellaría o "boicot a incorporar unha cláusula de estabilidade para salvagardar

centos de postos de profesorado interino en risco". Deste xeito, indican que se trata dun "colchón fronte a un ERE masivo, pero insuficiente para parte do profesorado interino".

 

Dende o sindicato demandan, xa que logo, un "cambio na normativa estatal" para a consolidación do persoal interino. "Todas as nosas propostas, centradas nun modelo de acceso diferenciado, foron desatendidas polos diferentes gobernos, antes do PP e agora co PSOE". "Negámonos a sermos cómplices de procesos masivos nos que non se dá solución ao abuso na contratación temporal", sentenzan dende a CIG, que esixe que a próxima negociación comprometida polo ministro Iceta no marco da Función Pública supoña "un salto cualitativo no recoñecemento da fraude polo abuso na temporalidade". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta