Temas: FRASEOLOXíA

“Ser a última/derradeira carta da baralla”, “ser o restroballo” ou “ser o refugallo”, equivalentes a “ser el último mono”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 02/05/2021 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

En castelán é habitual empregar a locución verbal ser el último mono para se referir a unha persoa que é considerada insignificante dentro dun grupo ou colectivo, ou que é a menos tida en consideración ou a que menos conta dentro dese grupo.

Cartas de tarot
Cartas de tarot | Fonte: Pixabay

En galego, sen prexuízo de podermos utilizar tamén a equivalente literal desa mesma locución, dispomos así mesmo doutras, como imos ver a seguir:

Ser el último mono

{= Ser a persoa menos considerada, valorada ou apreciada dentro dun grupo ou colectivo, ou ser unha persoa considerada insignificante e que non conta para ninguén.}

Ser a última carta da baralla # a derradeira carta da baralla

Ser o restroballo && Ser o último restroballo

Ser o refugallo

Ser o último mono # a última mona

Ex.: Me voy a buscar otro empleo, porque ya estoy harto de no pintar nada y de ser el último mono en la empresa.

Vou buscar outro emprego, porque xa estou cheo de non pintar nada e de ser a última/derradeira carta da baralla na empresa de ser o (último) restroballo na empresa de ser o refugallo na empresa de ser o último mono na empresa de ser a última mona na empresa.

NOTAS:

1. As secuencias expresivas ser a última/derradeira carta da baralla, ser o restroballo e mais ser o refugallo tamén se utilizan para se referiren a unha persoa da que se ten moi mal concepto e que sería a última á que se recorrería para pedirlle un favor ou unha axuda, ou tamén para referirse a unha persoa que se considera baixa, vil ou desprezable:

Ex.: —Disque levaba máis de dez anos dándolle malleira tras malleira á muller. —Eu xa che dixen moitas veces que ese tipo non era de fiar e que era a última carta da baralla e que era a derradeira carta da baralla e que era o restroballo e que era o refugallo.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta