Avalancha eólica en Galicia: "nestes 60 km2 producirían tantos kilowatios como toda Asturias"

Os veciños da Serra de Outes saen á rúa contra un plan eólico que buscaría "converter a zona en área de sacrificio".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2021 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Continúan as mobilizacións veciñais contra o actual modelo de implantación de enerxía eólica amparado pola Xunta de Galicia e o Goberno central. O que comezou como unha serie de protestas da man de grupos ecoloxistas afincados na comunidade vén de prender na sociedade civil, que dende hai semanas vense mobilizando contra a instalación destes parques que poderían levar á “devaluación” da zona que habitan.

Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo). NATURGY
Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo). NATURGY

Tal é a preocupación da plataforma veciñal Quijote de Outes e demais membros da Rede Galega por un Rural Vivo que o pasado domingo 25 organizaron unha manifestación contra a “sobreexplotación” das súas terras por parte dos grandes grupos empresariais de enerxía eólica. A concentración, segundo apuntan os organizadores, chegou a convocar preto de 220 participantes a pesar da “adversa climatoloxía”.

O obxectivo destes veciños pasa por poñerlle fin aos moitos proxectos eólicos que nestes momentos se cernen sobre os concellos da Baña, Mazaricos, Outes, Negreira e Santa Comba. Nas últimas semanas, explican, presentaron xa “preto de 2000 alegacións” “entre todos os proxectos que saíron no DOG e en documento de inicio de impacto ambiental ata o momento”.

A MESMA POTENCIA QUE ASTURIAS

As protestas chegan porque, segundo explica Roberto Vilela, representante da plataforma veciñal Quijote, a enorme concentración de proxectos eólicos que se están a ultimar para esta zona implicaría que, en apenas 60 quilómetros cadrados, se producira unha potencia eólica similar á do conxunto do Principado de Asturias, que é 117 veces máis grande. “É un auténtico disparate”, subliña Vilela.

O representante de Quijote ve “evidente”, neste aspecto, que o obxectivo pasar por facer da zona “unha área claramente de sacrificio” por mor das das graves afeccións que sufrirán de ser implantados os 11 parques eólicos proxectados: “San Cosmeiro, O Vao Maragouto, Banzas, Outes, Alvite, AlviteII, Troitomil e catro máis dos que se teñen constancia”.

Vilela advirte ademais de que “os proxectos eólicos carecen de estudios hidrolóxicos e hidroxeolóxicos que garantan a conservación das Augas veciñais e de hábitats prioritarios cómo brañas e turbeiras”. Xunto a isto denuncia que se ubicarían a escasos 500 metros de moitas vivendas. “Teñen 200 metros de alto e ao atoparse propiedades dentro de poligonais de parques eólicos, as veciñas e veciños non só verán devaluadas as súas propiedades senón que tamén se verán afectados urbanisticamente segundo a lexislación vixente”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta