O Concello de Pontevedra, pendente duns retablos e tumbas para pechar a compra do convento de Santa Clara

Xaquín Moreda indicou que a compra se realiza "para conservar o patrimonio".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 27/04/2021 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, adiantou este martes que as negociacións para que o Concello de Pontevedra compre o convento de Santa Clara "están moi avanzadas" e segue o "bo entendemento entre todas as partes".

En concreto, este edil informou do estado da negociación a todos os grupos da corporación no marco da Comisión do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente, na que tamén desvelou que a operación conta co visto e prace e a autorización da Consellería de Cultura da Xunta.

Xaquín Moreda explicou en rolda de prensa que todo o proceso desde que se anunciou a intención do Concello de comprar esta propiedade levou "con discreción" e que "se seguirá levando con discreción" ata que a operación estea pechada pero xa adiantou que "pola nosa banda non hai volta atrás".

Segundo informou, aínda non se poden revelar cifras relativas ao prezo final de compra por canto quedan algunhas cuestións que se están negociando actualmente, como é o posible traslado dun pequeno cemiterio de monxas no xardín do cenobio ou o destino de elementos mobles protexidos como son os retablos.

No caso dos retablos, apuntou que as opcións son diversas, por exemplo a venda ou a cesión en depósito, e algunhas delas suxeitas tamén a autorización por parte da Consellería de Cultura, como no caso de que fosen retirados do seu emprazamento orixinal.

Moreda lembrou que a decisión de seguir adiante co proceso de compra foi firme tras a visita realizada, o pasado mes de decembro, por parte dun amplo equipo formado por persoal técnico municipal das disciplinas profesionais competentes na avaliación. Aquela visita tiña como propósito, en palabras de Xaquín Moreda "evitar sorpresas e descartar fallos de construción ou estruturais", e tras a inspección visual realizada comprobouse que os elementos principais, como o muro de peche e a igrexa están en boas condicións, e que o resto do edificio precisa rehabilitación pero que non presenta nin problemas de humidades e nin nos muros de carga.

Sobre o destino da propiedade, Xaquín Moreda indicou que a compra se realiza "para conservar o patrimonio", co fin de evitar a degradación e a perda dun ben patrimonial situado no centro urbano. Tras a compra, entraría en xogo unha nova fase na que se decidiría o destino do inmoble e outras posibilidades relativas á entrada doutras entidades no seu mantemento.

Por último e en relación á posible data de compra, Moreda comentou que os prazos están suxeitos ao procedemento interno da Igrexa o que implica, entre outras cuestións, que a operación debe ser autorizada polo Vaticano.

Convento de Santa Clara en Pontevedra
Convento de Santa Clara en Pontevedra | Fonte: Zarateman - Wikimedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta