Residencias de maiores... o negocio continúa

A COVID foi especialmente virulenta dentro das residencias de maiores. Logo de teren denunciado as e os traballadores as malas condicións laborais e materiais en empresas privadas, despois das intervencións da Xunta nalgunhas residencias, voces vinculadas ás familias e aos cadros de persoal denuncian que se continúa na mesma situación. A tónica xeral é a falta de melloras en todos os aspectos denunciados con anterioridade e durante as vagas da COVID.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A vacinación en residencias de maiores é polo que, segundo a Xunta, non existen casos nestes centros desde hai dúas semanas. O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba que “Galicia está a piques de sortear a cuarta onda da COVID”, mentres continúan cribados e vacinacións na poboación xeral. Todo isto, garante que as residencias de maiores están preparadas para unha hipotética nova onda por coronavirus? Aprendéronse leccións das intervencións do SERGAS? Das protestas do persoal das residencias? Das denuncias de familiares?

Táboa de salarios en residencias de maiores
Táboa de salarios en residencias de maiores | Fonte: Traballadores residencia

APRENDEUSE ALGO?

A resposta de representantes laborais e familiares é que non. As mesmas políticas laborais aplicadas polas empresas propietarias de residencias privadas ou concertadas, seguen a mesma política de,  atención e de persoal. O mesmo sucede cos salarios, pois varias categorías profesionais apenas sobrepasan o salario mínimo. “Son moitas as traballadoras e traballadores que queren deixalo para entrar no SERGAS” ante a perspectiva de melloras laborais e salariais.

“Entendemos que non se aprendeu nada porque se antes da primeira onda non había protocolos, puideron contratar por exemplo, servizos de limpeza, non o fixeron nin para a segunda onda” di Pepe Bernárdez, portavoz da Federación Vellez e Dignidade. Isabel Salgado de CCOO en DomusVi Santiago, denuncia que “a precariedade laboral segue aumentando, necesitamos máis persoal e a empresa non atende a razóns”.

“A contratación é unha perda de diñeiro para eles porque teñen a visión de negocio” di Sonia Jalda de Traballadoras de Residencias de Galicia (TREGA). “Cando a Xunta realizou a intervención en centros como o de Aldán en Cangas, despois de marchar o persoal do SERGAS quedou o mesmo cadro de persoal da empresa”. Segundo TREGA tampouco se están cubrindo baixas e vacacións en Aldán.

Residencia de maiores Coviastec, en Silleda ( Pontevedra).. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Residencia de maiores Coviastec, en Silleda ( Pontevedra).. Álvaro Ballesteros - Europa Press

“A día de hoxe aínda non sabemos como se puideron infectar residencias da zona de Ferrolterra por exemplo” di Beatriz Fernández da CIG. En palabras desta traballadora de DomusVi, “non entendemos a desidia da dirección nalgúns centros, sobre todo os que levan financiamento da Xunta.

O rateo de persoal segue sendo o mesmo ou peor que antes e isto tamén implica unha sobrecarga emocional” di Iria Estévez de CCOO Residencias Privadas. Con todo, Estévez apunta tamén que algunhas empresas crean “bonos” para o persoal que leva novos usuarios ou usuarias. “É un pago único, 50€ se é ingreso temporal, 100€ se é máis de tres meses”.

“Temos limpadoras que cobran 950€ e logo xerocultoras que só cobran 50€ máis” di Isabel Salgado. Noutros casos DomsusVi aumentou 170€ sobre os 950 do salario base. Dese aumento descontan o IRPF e outras taxas. “As horas en quenda de noite páganse a 15€ ou 18€ por noite, depende do centro” di Sonia Jalda quen denuncia a posibilidade de que moito do diñeiro que podería ir destinado a salarios e melloras, vai destinado a beneficios para accionistas ou persoas do staff directivo.

 NOVO MODELO PARA CANDO E COMO?

Ante a situación que se creou durante a pandemia arredor das residencias, a presión de familias e traballadoras e a oposición parlamentaria, a Xunta de Galicia, realizou cambios na Consellería de Política Social sen descabezar á conselleira Fabiola García. Neste punto é cando se fala dunha revisión do actual modelo de residencias e a posibilidade da súa modificación.

O novo modelo estaría inspirado no modelo “envellecer na casa”, onde os maiores irían a centros de  día onde se lles pagaría o servizo de hostalaría e logo volverían para os seus fogares. “Cando falou a Xunta sobre un novo modelo asistencial, previamente crearan un comité de asesores que redactaría un borrador sobre o novo modelo” apunta Jalda. O borrador aínda non existe e a isto súmanlle un presunto caso de nepotismo ao querer colocar no comité de asesores a unha sobriña da CEO de DomusVi, Josefina Fernández.

“Hoxe por hoxe o modelo existente non ten alternativa en Galicia, é dicir, un modelo baseado nas residencias privadas e que ademais, vive do diñeiro público” di Pepe Bernárdez. “Debemos ter en conta que estas empresas son “amigos” da Xunta”.

Desde a Consellería de Política Social responden que as residencias, tanto públicas como privadas e de iniciativa social, "están máis preparadas que nunca para afrontar unha situación coma a actual". Durante o pasado exercicio "realizáronse un total de 360 inspeccións en diferentes centros residenciais da comunidade, das que dez remataron en sanción firme". Deste xeito cumpriuse con Plan de Inspeccións de servizos sociais.

Engaden que "sempre que nalgún caso houbo sospeitas dun funcionamento inadecuado por parte dunha residencia", actuou a inspección de servizos sociais e, "nos casos de especial gravidade, trasladouse ás autoridades xudiciais".

As residencias de maiores ben privadas, ben concertadas, están indefensas ante unha nova onda de COVID. Así o testemuñan voces de familiares de usuarios e traballadoras destes centros. A proposta da Xunta para o estudo dun novo modelo de atención á xente maior non parece estar progresando. Por outra parte, as condicións laborais dos cadros de persoal, ademais de facer diminuír o número de traballadoras, tamén fai diminuír a calidade do servizo de atención aos maiores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta