Feijóo: "Se fomos capaces de detectar ántrax, como non imos ser capaces de detectar metais en envíos postais?"

O presidente da Xunta lamenta o "espectáculo" que, baixo o seu punto de vista, se deu en Madrid "usando a empresa pública Correos" para "facer unha campaña", tralas cartas de ameazas enviadas a varias autoridades.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/04/2021 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, lamentou este xoves o "espectáculo" que, baixo o seu punto de vista, se deu en Madrid "usando a empresa pública Correos" para "facer unha campaña". "Se fomos capaces de detectar ántrax, como non imos ser capaces de detectar metais en envíos postais de cen gramos ou posterior?", preguntouse.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

Feijóo, que foi presidente de Correos na etapa de José María Aznar á fronte do Goberno central, referíase ás cartas ameazantes (con balas) recibidas por dirixentes como o líder de Podemos, Pablo Iglesias, ou o ministro de Interior, Fernado Grande-Marlaska.

Preguntado sobre o papel de Vox na campaña e se considera que, chegado o momento, se o necesita para presidir Madrid, a súa compañeira Isabel Díaz Ayuso debería pactar coa formación de Abascal, o líder do PP galego sorteou a pregunta manifestando a súa convicción de que Ayuso "saberá o que ten que facer e farao", ademais de subliñar que, se é a máis votada, a esquerda pode evitar que teña que pactar con Vox se facilita a súa investidura coa abstención. E a continuación, reflexionou sobre unha campaña que considera "lamentable".

"Tras o que vimos nesta campaña, prefiro que esta sexa unha campaña para non imitar", dixo, antes de aludir ao "movemento populista" no que, baixo o seu punto de vista, "o PSOE acaba de participar". De feito, mostrou a súa contrariedade polo feito de que "unha persoa respectable no ámbito político como Gabilondo faga xogo e traballe con Iglesias para todo este movemento lamentable que se viu nestas semanas".

"O espectáculo que se deu utilizando a empresa pública Correos, sabendo perfectamente que está con capacidade suficiente e cuns escáneres o suficientemente sólidos como para detectar ántrax e que non detecta balas ou obxectos metálicos é algo que necesita unha explicación", dixo o presidente galego.

"Necesita unha explicación. Como é posible deixar á empresa pública Correos nesta situación? Sendo un dos mellores correos de Europa. Lamento profundamente que se utilice Correos para facer unha campaña. É incrible, volvo reiterar. Se fomos capaces de detectar ántrax, como non imos ser capaces de detectar metais nos envíos postais de cen gramos ou posterior?", agregou.

E a continuación, o presidente da Xunta aludiu aos escáneres dos ministerios. "Non me imaxino que me entre unha carta no meu despacho con eses produtos que parece ser que dirixen a outros políticos", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta