Os hostaleiros piden a continuación das axudas ao lecer nocturno e a ampliación do horario de bares e cafetarías

"O importante é que se empezou a falar do lecer nocturno. Vemos a posibilidade de que poida abrir, aínda que non abrirá ao cento por cento" declara o representante dos hostaleiros de Lugo, Cheché Real.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

Representantes da hostalaría están convocados este venres a unha reunión co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que pedirán que se manteñan as axudas ao lecer nocturno máis aló da súa posible apertura, así como que se teña en conta a posibilidade de incrementar o horario de bares e cafetarías.

O representante dos hostaleiros de Lugo, Cheché Real, é un dos convocados a este encontro, que terá como obxectivo avanzar nas conversacións relacionadas co lecer nocturno e onde esperan que as autoridades concreten máis datos da "proba piloto" que se prepara para este sector e que a Xunta quere facer en maio.

"O importante é que se empezou a falar do lecer nocturno. Vemos a posibilidade de que poida abrir, aínda que non abrirá ao cento por cento en canto a horarios e aforamentos", puntualizou. Consecuentemente, os hostaleiros tratarán coa Xunta as axudas que necesita o lecer nocturno e que cren que "deben manterse", xa que "non se vai a poder abrir ao cento por cento". "Eu calculo que ata finais de ano ou o ano que vén non se abrirá ao cento por cento", explicou Cheche Real.

Outro dos temas que levarán á reunión será a petición de que se igualen os horarios de peche de cafetarías e bares cos dos restaurantes, que xa poden manter a súa actividade ata as 23,00 horas. "A situación epidemiolóxica é a que é, os datos que temos son bos. Entón, entendemos que teñen que abrir todos os establecementos ata o once da noite", concluíu.

Local de lecer nocturno. Pub, bar, discoteca. Mozos de noite. LECER NOCTURNO
Local de lecer nocturno. Pub, bar, discoteca. Mozos de noite. LECER NOCTURNO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta