O presidente da Deputación da Coruña destaca "a pegada" do arquitecto Rodolfo Ucha en moitos edificios de Ferrol

González Formoso aproveitou a súa visita a Ferrol para desprazarse a dúas obras que está a executar a deputación en estradas de titularidade provincial neste municipio.

Por E.P. | | 29/04/2021 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou "a pegada" que deixou durante o século pasado o arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha en moitos edificios da cidade de Ferrol, que achegou trazados que "simbolizan os valores de Ferrol como cidade de vangarda". Estas manifestacións realizounas González Formoso na terraza do Teatro Jofre de Ferrol, onde este xoves tivo lugar a presentación de libro 'A buxaina de Ucha', realizado polo fotoperidiodista ferrolán José Pardo.

A obra recolle nas súas máis de 200 páxinas un percorrido tanto polo exterior dos edificios que o arquitecto trazou como o interior de moitos deles, ademais de pequenos detalles. Neste acto tamén se deron cita autor do libro, a filla do arquitecto e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), ademais dos portavoces de todos os grupos con representación neste municipio. Todo iso no día no que o pleno de Ferrol nomea, nunha sesión que arrinca ás 19,00 horas, a Rodolfo Ucha como fillo adoptivo desta cidade.

ANIVERSARIO

O alcalde de Ferrol trasladou que este libro, editado polo concello en colaboración coa deputación, "é parte dunha homenaxe ampla que o Concello quere renderlle a Ucha con motivo dos 40 anos da súa morte e dos 140 do seu nacemento" durante o 2021 e o 2022, ao estimar que "vale a pena pór en valor e recuperar figuras como a súa, que deixou unha pegada inesquecible".

O autor do libro explicou que esta obra "comezou a xestarse xa no 2015" e que o seu obxectivo era "mostrar as fachadas, pero tamén entrar nos edificios" para ofrecer unha visión ampla da obra dun arquitecto que deseñou "tanto edificios ostentosos como humildes" e que lle deu "un cambio ao barrio da Magdalena e á cidade".

Por último, a filla do arquitecto, Lucila Ucha, mostrouse "emocionada, encantada e feliz" por este traballo que pon en valor a obra do seu pai, do que dixo que tivo "unha carreira ardua, difícil, de moito traballo e de moito esforzo".

VISITA A OBRAS

Noutra orde de asuntos, González Formoso aproveitou a súa visita a Ferrol para desprazarse a dúas obras que está a executar a deputación en estradas de titularidade provincial neste municipio. Así, acudiu a Serantes onde se iniciaron os traballos de reformulo previos á execución da segunda fase da ampliación da calzada e construción de beirarrúas na estrada DP-3612 que darán continuidade aos xa acometidos nos primeiros 300 metros desta travesía, e que supoñen un investimento de ata 753.000 euros, en colaboración co Concello de Ferrol, que sufragou as expropiacións.

Alí, González Formoso detallou que "os traballos comezarán esta primavera e o prazo de execución previsto é de seis meses", e que se desenvolven nun tramo de 800 metros. O presidente da deputación, acompañado polo alcalde de Ferrol, tamén visitaron as obras, en execución, da travesía de San Xoán de Filgueira a Catabois, nas que o organismo provincial inviste máis de medio millón de euros para mellorar tamén a seguridade de vehículos e peóns.

A filla de Rodolfo Ucha toma a palabra durante a presentación dun libro sobre o arquitecto ferrolán. TORRECILLA / DEPUTACIÓN DA CORUÑA / Europa Press
A filla de Rodolfo Ucha toma a palabra durante a presentación dun libro sobre o arquitecto ferrolán. TORRECILLA / DEPUTACIÓN DA CORUÑA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta