GC Aberto

Turismo sélfico

Por admin | GCAberto | 30/04/2021

Comparte esta noticia

Antes de nada precisemos que o termo turismo sélfico non alude a un xeito de viaxar para afondar no noso self ou conciencia reflexiva. Non ten nada a ver con profundar na individualidade e o autoconcepto para lle dar un sentido á vida. Mais que nada porque iso podíano facer os viaxeiros -cando viaxar era privilexio dunha elite- mais nunca os turistas.

Un visitante toma unha fotografía co seu teléfono móbil na praia. UNIVERSIDADE DE VIGO
Un visitante toma unha fotografía co seu teléfono móbil na praia. UNIVERSIDADE DE VIGO

Nos tempos de xentrificación e turismo de masas o self está máis perto da idea conductista de nos considerar a nós mesmos como obxectos que do enfoque psicoanalítico de Kohut vencellado á autorreferencia (autoimaxe, autoestima e autoeficacia). Porque que crenzas, conceptos e representacións subxectivas pode ter un turista accidental en tempos de pandemia?. Tras os packs turísticos para viaxantes pasivos arrastrados a duras xeiras de turismo low cost onde o único seguro era a rápido desprazamento no espazo e o despilfarro do tempo, asistimos ao que poderiamos chamar tecnoturismo nudista. Unha sorte de exhibicionismo nas redes promovido por unha política de tecnofilia, incompativel cun mundo de escaseza enerxética e luita contra o cambio climático.

O concello de Ferrol vén de se postular como pioneiro na Galiza neste eido instalando postes en distintos puntos da cidade para se facer o selfie perfecto. O devandito poste non é máis do que un pau metálico cun artello onde se pon o móbil para se autorretratar co fondo elixido polo executivo. Dous mil euros por pau que custou a brincadeira. Doce mil euros en total para tirarse fotos en seis lugares, disque estratéxicos, da cidade. Praza de Armas cos tilos e o concello de fondo. Praza de Galicia co Teatro Jofre. Amboaxe co polémico marqués. Xardíns de Herrera. O porto de Curuxeiras e o Auditorio de Ferrol. Sinceiramente, non sería máis acaído que os turistas trouxeran o seu propio pau de selfies na mochila e decidiran eles que subir, se suben, ás redes?. Ou é que presumimos de políticas de infantilización?

A concelleira de turismo que anda no Edusi vendendo o turismo sostivel de calidade non terá onde investir eses doce mil euros para atraer un turismo digno dese adxectivo? Non hai moito que os surfeiros reclamavan aseos públicos todo o ano na costa. Urinarios dos que carece toda a cidade. Unha carencia que resultou limitante da mobilidade durante o peche da hostelería. Non hai moito que desde a organización Ligando reclamavamos tambén cabinas de teléfono público, fontes ou carrís-bici. Porque iso é que fai habitavel unha cidade que non ha ser pensada só para o turismo.

Porén, e como os cartos públicos de Concello e Deputación xa están desbotados nos paus sélficos eu mudaría a ubicación para salientar un Ferrol histórico e social crítico onde se autorretratar. Poría un pau para facerse un selfie perante o chalet de Canido como exemplo da arquitectura modernista de Ucha. Un pau perante as ruínas da casa natal de Carvalho Calero para que se tiren o sefie os irmandados de Vila do Conde. Outro diante do muro que isola Ferrol da ría máis contaminada de Europa. Outro onde saia a única planta de gas dentro dunha ría. Outro diante da estación de tren xunto a un cartaz que poña Pacto pola Mobilidade Sostibel 2021 e o último pau na costa Ártabra para albiscar os eucalitos e o deleixo na Rede

Natura.

Con esta política turística mal chamada sostivel e a última ordenanza de seguridade non nos vai tremer o brazo ao facer selfies senón ao coller a bici para transitar sen emisións contaminantes. Porque certamente as cidades non son intelixentes senón quen as governa e a súa cidadanía.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta