Feijóo define a Pardo Bazán como "galeguista cosmopolita" e "feminista non hostil"

Enxalza á escritora como un punto de encontro entre Galicia e Madrid, "alicerces da España unida e diversa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 21:22

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou a figura da escritora Emilia Pardo Bazán como un punto de encontro entre Galicia e Madrid, territorios que, para o mandatario autonómico, constitúen "alicerces da España unida e diversa".

Núñez Feijóo pronunciou estas palabras durante a súa intervención no coloquio organizado pola Casa de Galicia en Madrid sobre a escritora galega. Alí, segundo recolle un comunicado da Xunta, o presidente autonómico dixo que os galegos "combinan querenzas" por distintos territorios "sen ningún tipo de ruptura interior" e que esa "dualidade" compón pois un "trazo definitorio" da identidade galega.

"Tanto aquí (Madrid) como en Buenos Aires, A Habana, Londres ou Ginera, o galego asimílase sen perder as súas raíces porque fai provisión de identidades nunha síntese marabillosa", incidiu. Ademais, Feijóo tamén sinalou que Pardo Bazán supuxo "un anticipio do galeguismo cosmopolita que impregna hoxe a sociedade galega".

Por último, destacou a achega á igualdade de Pardo Bazán que, para Feijóo, puxo "as bases da revolución feminista en España" xunto con Rosalía de Castro e Concepción Arenal, "cada unha coa súa personalidade e facendo achegas diferentes". "Nos tres casos trátase dun feminismo resolto e inequívoco, pero non hostil a ninguén. Hostil só á inxustiza e a todos aqueles que se aproveitaban dela", engadiu.

Feijóo nunha rolda de prensa
Feijóo nunha rolda de prensa | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta