Pontón: "Se alguén fixo negacionismo legal do estado de alarma foi Alberto Núñez Feijóo"

Destaca que houbo restricións sen estado de alarma, cuxa ampliación estudará apoiar "se é necesario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2021 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lembrou que se fixeron restricións de mobilidade para evitar a propagación de contagios da covid-19 sen que estivese vixente o estado de alarma, cuxa ampliación a súa formación estudará "con responsabilidade e seriedade" ampliar "se desde o punto de vista legal é necesario".

Nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega e preguntada pola posición do Bloque sobre unha posible ampliación desta figura, a líder dos nacionalistas galegos criticou a postura mantida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre o estado de alarma desde que hai pandemia.

"Non recoñecemos a Feijóo, pasamos dun Feijóo que en outubro de 2020 cargaba contra o estado de alarma e dicía que era demoledor porque se cargaba o consumo do Nadal e da Semana Santa, a un Feijóo que nuns meses parece que é o seu principal valedor", afirmou Pontón, que sostivo que "se alguén fixo negacionismo legal do estado de alarma" foi "Alberto Núñez Feijóo".

Dito isto, recoñeceu que "nuns días acaba un instrumento importante para controlar o virus" e, para o BNG, "o primeiro é que haxa capacidade para tomar as medidas que sexan necesarias para poder controlar" a pandemia. "Por tanto, se vemos que desde o punto de vista legal é necesario que haxa ampliación do estado de alarma, imos estudar esa proposta con toda a responsabilidade e seriedade que este momento require", afirmou a nacionalista.

Con todo, sostivo que, "se se entende que non é necesario" e que "pode haber normas que permitan limitacións puntuais para evitar a propagación do virus", "tampouco parece que teña que ser unha opción rexeitable. "Fixéronse restricións de mobilidade sen estado de alarma e non cremos que teñamos que vivir nun estado de alarma permanente", incidiu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta