Convocadas as axudas para impulsar novas plantacións de lúpulo e mellorar as existentes

As solicitudes, que poden facerse durante este mes, a contar desde o martes, deberán presentarse obrigatoriamente de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2021 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a orde da Consellería do Medio Rural na que se convocan as axudas de 2021 para o sector do lúpulo. En concreto, a Xunta investirá 45.673 euros para impulsar novas plantacións, mellorar as xa existentes e adquirir maquinaria específica coa que poder mecanizar este tipo de cultivos.

O obxectivo da convocatoria, explicou o Goberno galego, é garantir o futuro do sector do lúpulo, apostar pola recuperación da superficie deste cultivo e adecuar a produción á demanda da industria, para garantir a súa permanencia e a maior rendibilidade dos produtores.

Para beneficiarse das axudas que buscan promover novas plantacións de lúpulo ou reconverter e mellorar as xa existentes, os particulares ou agrupacións -inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga)- deberán adquirir algunha das 11 variedades recomendadas na orde que publica o DOG e manter eses cultivos obxecto de axuda durante un período mínimo de cinco recollidas desde a concesión da subvención.

No caso de reconversión varietal, debe elixirse unha variedade distinta da plantación substituída, de maneira que se consiga unha mellora da calidade da produción e a adaptación ao cambio climático. Así mesmo, haberá que presentar e cumprir un plan de mellora para a explotación. En ambos os casos, ademais, deberase comunicar inmediatamente á autoridade competente a finalización da execución das medidas aprobadas.

Entre as accións subvencionables neste punto, ademais da adquisición do material vexetal ou dos investimentos para a reconversión varietal, inclúese a compra e instalación de estruturas de soporte e guiado do cultivo, así como a implantación de sistemas de rega máis eficientes.

ADQUISICIÓN DE MAQUINARIA

No relativo ás axudas para a adquisición de maquinaria específica, poden solicitalas particulares con experiencia na actividade agraria ou que conten cun nivel de capacitación profesional suficiente e presenten un proxecto viable desde o punto de vista técnico e económico. Tamén poden acollerse a elas as cooperativas, sociedades agrarias de transformación (SAT), asociacións de produción integrada en agricultura (Aprias) ou outro tipo de agrupacións que teñan unha superficie cultivada de lúpulo que faga viable a adquisición dos equipos.

Neste sentido, será subvencionable a compra de maquinaría agrícola e equipos específicos para o coidado, tratamento, recolección, pelado, secado e prensado do lúpulo, así como de grupos de presión para a posta en práctica dunha rega sustentable. Tamén se poderá pedir axuda para adquirir máquinas ou instrumentos de modernización e mellora dos sistemas de secado da flor do lúpulo xa existentes, así como para a súa instalación. Cabe engadir que ditas máquinas e equipos deberán ser novos e de primeira inscrición.

Nesta segunda liña de axudas deberán cumprirse unha serie de deberes, como ter un contrato para a comercialización do lúpulo en vigor e presentar unha memoria do plan de viabilidade que xustificar a necesidade desa maquinaria que se vai comprar. Así mesmo, deberanse manter as máquinas subvencionadas en uso e propiedade do beneficiario por un período mínimo de cinco anos e os que realicen traballos agrícolas a terceiros deberán dedicar un mínimo do 75% das súas horas anuais de funcionamento a explotacións alleas aos titulares da sociedade.

A maiores, a explotación de lúpulo deberá estar inscrita no Reaga e, no caso de cooperativas, de sociedades agrarias de transformación (SAT) ou doutras agrupacións agrarias, os seus socios ou membros deben ser titulares de, polo menos, tres das devanditas explotacións. Os interesados teñen un mes de prazo para solicitar estas axudas a contar desde este martes. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta.

Recolección de lúpulo en Betanzos.. FILLOS DE RIVERA
Recolección de lúpulo en Betanzos.. FILLOS DE RIVERA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta