"Morte, silencio, vergoña"... Tres verbas para describir o Día da Liberdade de Prensa tras a morte de Beriain e Fraile

A xornalista Isabel Quintairos resume a situación da profesión con estas tres palabras e reivindica "liberdade".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/05/2021 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia publicou este luns, 3 de maio, un manifesto para conmemorar o Día da Liberdade de Prensa no que lembra aos xornalistas Roberto Frade e David Beriain, asasinados a semana pasada en Burkina Faso mentres rodaban un documental sobre cazadores furtivos.

O texto, escrito pola xornalista Isabel Quintairos, resume coas palabras "morte, silencio, vergoña" a situación pola que atravesa esta profesión e, a modo de exemplo, menciona a perda de Beriain e Frade, dous "compañeiros valentes e comprometidos".

Nas súas palabras, eran "dous xornalistas dos que contan o que hai que contar e non bobadas para ter á xente entretida ou mentiras para alimentar a crispación". "Dous profesionais dos que hai que aprender nas universidades e nas redaccións", engade. Quintairos tamén critica no seu texto a "precariedade máis angustiosa do mercado laboral" na que, segundo observa, está mergullada a profesión.

RESIDENCIAS DE ANCIÁNS

Ademais, o manifesto do Colexio de Xornalistas de Galicia emprega as palabras "morte, silencio, vergoña" para referirse ao "círculo do inferno de Dante" en que se converteron as residencias de maiores durante a pandemia, mentres destaca o labor de Manuel Rico, quen recentemente foi galardoado co Premio José Couso pola súa cobertura sobre o ocorrido nos xeriátricos de Madrid.

Deste exemplo sérvese Isabel Quintairos para pedir "liberdade para falar, para escribir, para expresar, para vivir": "Iso é que temos obrigación de ensinar, a risco de facernos aborrecer, ás xentes que veñen detrás, e que estudan cousas como 'audiencias e programación', que será moi interesante pero que non escoitan falar de como se conta a verdade".

Así mesmo, Quintairos lembra, a raíz do traballo de Manuel Rico, que "hai moita xente que pertence a minorías" e que "non é ben recibida nas residencias", como son as persoas homosexuais ou con discapacidade.

"DE RESPECTO VAI TODO"

E é que, para a xornalista que asina o manifesto, tamén forma parte da liberdade de expresión "querer vivir a vida de acordo con quen se é, co aspecto que se ten, a orientación sexual, a educación, a cultura, as circunstancias". "En resumo, esixindo o respecto debido".

"De respecto vai todo. Respecto pola liberdade, o ben máis sacro, que cada día me parece máis fráxil e menos protexido", sinala Quintairos, quen considera que 'liberdade' debería ser "a primeira palabra que usase cada xornalista para iniciar cada día o seu traballo, sabendo que acollerse a ela e buscar a verdade deberían ser os dous alicerces da súa profesión".

Ilustración no día da liberdade de prensa, información e expresión
Ilustración no día da liberdade de prensa, información e expresión

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta