Navantia Ferrol-Fene, o abandono dun estaleiro que foi referente mundial nos 70 e 80

Cada xoves os traballadores de Navantia saen á rúa pedindo carga de traballo para o estaleiro. No caso de Ferrol, cando se entregue o buque AOR á armada australiana, non haberá actividade constructiva ata, polo menos, mediados de 2022. As fragatas F110 chegarían con atraso por culpa da COVID e, fontes sindicais, apuntan que parte do investimento previsto para Fene e Ferrol podería ir a outros estaleiros públicos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 20 de maio entregarase o buque AOR á armada de Australia nos estaleiros de Navantia en Ferrol. A partir de aí non haberá carga de traballo posiblemente até mediados de 2022 cando se inicien as obras das fragatas F110 para a armada española. Isto nos estaleiros de Ferrol, porque en Fene a actividade parece ir pola construción de elementos para enerxía eólica mariña. Logo do que ía ser o “proxecto estrela” dos floteis para PEMEX, “traídos” por Feijóo, as empresas públicas navais fían agora a súa permanencia ás renovables, construción militar e reparación de buques. Con todo, logo do anuncio do “estaleiro 4.0” e a construción dun dique cuberto, ambas as dúas opcións non parecen ter saído adiante.

Concentración ás portas de Navantia en Ferrol.
Concentración ás portas de Navantia en Ferrol.

O ESTADO DAS COUSAS

“En Ferrol xa se pode construír barco civil, mais agora coa entrega do buque para Australia quedamos sen proxectos de buques” di Emilio García Juanatey, membro de CC.OO e presidente do comité de empresa. “En Fene están traballando no que son elementos para un parque eólico mariño en Francia”. Aínda que agora se pode construír buque civil en Ferrol, a cuestión é que nos últimos anos só se construiu un elemento civil, o flotel de PEMEX. Outro tipo de buques como transatlánticos constrúense noutros países de Europa e tanto cargueiros como buques de transporte industrial son montados en Asia.

“Á parte da reparación ou carenado para buques civís, tamén teriamos a reparación para a Armada, só que esta non ten orzamentos abondo para facer estes traballos” di Francisco Villar de UGT. “Agora enfrontámonos á un período sen moita actividade, desta maneira moitos empregados de auxiliares acabarán os contratos e terán que irse”. Isto supón que, en caso de entrar agora traballo no estaleiro, moitos especialistas estean xa fóra de Ferrol procurando traballo noutros lugares. Desta maneira, as empresas auxiliares quedarían sen especialistas. “Algo así pasou co flotel de PEMEX, houbo que traer xente de Vigo, empresas a baixo custe”.

“A subactividade en Navantia Ferrol pode ser do 60 ao 70% despois do 20 de maio e isto afectará a un cadro de persoal fixo de 1.400 ou 1.500 persoas” dinala Marcelino Amado da CIG. “Estariamos esperando o buque “Galicia” para realizar traballos de mellora que poderían supoñer seis meses de actividade para 200 traballadores”. Amado engade o risco da perda de coñecemento entre os profesionais das auxiliares en caso de períodos prolongados de desemprego. Se isto se dese para a construción dun novo navío, as consecuencias serían a ralentización dos traballos ata que o ritmo sexa óptimo.

A Vicepresidencia segunda da Xunta, con competencias en industria, destaca que "Goberno e Navantia deben asumir a súa responsabilidade comprometerse  na busca de carga de traballo, pois non hai tempo que perder para evitar que as gradas queden baleiras durante máis dun ano". Á parte, o departamento de Francisco Conde analiza que Galicia "non pode aceptar que a comarca de Ferrolterrra quede sen carga de traballo".

TECNOLOXÍA 4.0 E DIQUE CUBERTO, PARA CANDO?

A adaptación tecnolóxica dos estaleiros da ría de Ferrol estaba ata hai pouco sobre a mesa do Goberno central. A adopción de tecnoloxía de última xeración (estaleiro 4.0) para a construción mediante planos 3D aceleraría procesos que antes poderían durar días e agora horas. Por outra banda, tamén se anunciara a creación do dique cuberto. Unha infraestrutura que permitiría ampliar a carteira de clientes, entenden desde os sindicatos, así como acurtar tamén os tempos de construción.

Ademais do dito, todo investimento en novas tecnoloxías estaría dirixida tamén á creación de novas seccións ante o reto climático. Os motores diésel por exemplo, poderían ser substituídos por motores de hidróxeno “máis silenciosos, como o que leva o submarino botado en Cartagena”. Por outra parte, Navantia espera que as F110 acaben sendo un modelo para a exportación a terceiros países como aconteceu con mercados como o noruegués.

“Navantia propuxo hai tempo a completa dixitalización do estaleiro e o dique seco” di Emilio García. Así, no caso do Estaleiro 4.0, a formación dos traballadores sería moi necesaria para o uso destas novas aplicacións. “Existen fórmulas para a reinserción mediante programas como EmpregaNAV da Xunta” que podería paliar esa falta de formación.

“O que temos de momento é un novo taller de sub-bloques, mais o dique cuberto, que xa estaba valorado e era un proxecto copiado duns estaleiros alemáns, está parado desde o cambio de dirección en Navantia” sinala Francisco Villar. O membro de UGT apunta ademais que se non se apuran investimentos, a ría de Ferrol podería quedar obsoleta e fóra do mercado naval, pois boa parte da tecnoloxía está desfasada.

“A anterior dirección dixo que de momento o dique cuberto non se construiría, mais si construíron o taller de sub-bloques” sinala Amado, quen lembra que todos os proxectos están ligados a decisións gobernamentais. Así, o Ministerio de Economía estaría priorizando uns investimentos fronte a outros. Aínda así, “cremos que algúns proxectos poden ir basculando cara a baía de Cádiz deixando a Ferrol sen infraestruturas necesarias”.

En concordancia con isto último, o departamento de Francisco Conde respoden que "desde Galicia non se entende que Navantia non mostre o mesmo compromiso en Ferrolterra que noutros estaleiros do grupo, onde están anunciando proxectos civís e militares". En relación con isto, Vicepresidencia segunda estima que Navantia en Ferrol e Fene está perdendo competitividade. Un exemplo é o dique cuberto que "suporía para Navantia dar un salto de calidade por contar cunha infraestrutura básica para avanzar na modernización dos estaleiros públicos". Por otura parte, a Xunta "está mantendo contactos con axentes económicos e sociais da comarca" que permita crear un Pacto de Estado por Ferrol.

O necesario aporte de diñeiro para os estaleiros de Ferrol e Fene non parece chegar de momento. As expectativas son a medio prazo que as fragatas F110 comecen a súa construción en 2022, mentres haberá unha diminución de traballo considerable. Por outra parte, a actualización tecnolóxica e de infraestruturas para os estaleiros da ría ferrolá tamén sofren un atraso importante, en parte aos límites orzamentarios e en parte a que o Goberno central dea a orde de investir. Por último, queda por saber se a reunión entre o presidente da Xunta, Núñez Feijóo e a vicepresidenta terceira do Goberno, Nadia Calviño, pode supoñer un cambio de rumbo na actual situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta