O PPdeG espera "unha vitoria contundente" de Ayuso en Madrid

A vicepresidenta terceira do Goberno, Yolanda Díaz, chamou Á mobilización masiva este 4M para "cambiar Madrid". Pedro Puy defendeu que o PP pode manter un discurso propio en cada comunidade autónoma.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/05/2021 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou que a formación desexa "unha vitoria contundente" en Madrid e que Isabel Díaz Ayuso sexa presidenta da Comunidade sen necesidade de ter que pactar con outras forzas políticas, nomeadamente, o partido ultradereita Vox.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy | Fonte: PPDEG.

"Eu temería unha maioría que non estivese presidida pola señora Ayuso", contestou respecto de se non lle gustaría que a presidenta do PP madrileño tivese que pactar con Vox un goberno. "Hoxe o que toca é animar aos cidadáns de Madrid a que voten, que cumpran coa súa obriga democrática de elixir o mellor goberno", sinalou Pedro Puy, quen desexou "moita sorte ao PP".

O portavoz parlamentario augurou que o seu partido "vai ter un bo resultado" nestas eleccións e confiou en que lle permita "gobernar" a Ayuso coas políticas que "ten deseñadas e non as que como consecuencia de pactos teña que pactar con outras forzas".

Preguntado pola "dereitización" do discurso, ademais de asegurar que non sabería usar esta etiqueta no contexto actual, Pedro Puy defendeu que o seu partido pode manter un discurso propio en cada comunidade autónoma: "O discurso dos partidos políticos estatais debe de adaptarse ás circunstancias de cada territorio, é propio do Estado autonómico que haxa posicións concretas sobre cuestións autonómicas".

Ademais, e ao ser preguntado por se unha vitoria contundente de Ayuso 'dificultaría' hipotéticas aspiracións de Feijóo na política estatal, Pedro Puy incidiu no desexo de que "haxa unha vitoria contundente do PP, porque iso contribuirá a que a situación política española vaia mellorando" e "será bo para Galicia" que "houbese certo apoio a aquelas posicións que están a cuestionar actuacións" que adopta o Goberno central.

"Todos, estou seguro, no PP de Galicia, estamos moi contentos de que o PP de Madrid teña un resultado extraordinario e é o que desexamos e esperamos que ocorra", remarcou, antes de sinalar que os que están "lonxe" de Madrid e non teñen que decidir nas urnas este martes, expresan "o mellor desexo" para o PP.

YOLANDA DÍAZ PIDE "CAMBIAR MADRID" PARA QUE NON GOBERNE VOX

A vicepresidenta terceira do Goberno, Yolanda Díaz, chamou a unha mobilización masiva este 4M para "cambiar Madrid" e "facer historia" nuns comicios nos que, ao seu xuízo, está en xogo o "modelo de país" e a posibilidade de que "goberne Vox".

Sobre todo porque, ao seu xuízo, o PP está "secuestrado" pola formación de Santiago Abascal ao asumir a súa "axenda política" en lugar de "aplicar un cordón democrático" á extrema dereita, como ocorre por exemplo coa formación de Ángela Merkel en Alemaña.

En declaracións aos medios de comunicación tras depositar o seu voto no seu colexio electoral, a deputada por Pontevedra lembrou aos traballadores que teñen un permiso retribuído de catro horas para exercer o seu dereito democrático e convidoulles, xunto aos mozos, pensionistas, a mobilizarse nesta cita electoral.

"Máis aló das sondaxes está nas mans da xente do común cambiar Madrid. E por tanto hoxe lembramos que a historia a facemos nós e nós", salientou a tamén titular de Traballo para facer un chamamento aos cidadáns a "facer o que teñen que facer" nestes comicios, que é "formar parte das grandes decisións do país". E é que Díaz destacou que se trata dunhas eleccións "moi importantes" e profundou en que "a historia non a escriben as sondaxes" senón a "xente" co seu voto", pois "nas súas mans está cambiar Madrid".

FEIJÓO

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, instou aos madrileños a acudir a votar "en liberdade" e "con normalidade", á vez que considerou "un bo indicador" que haxa "bastante afluencia nos colexios" porque "acredita" que os cidadáns da Comunidade de Madrid queren "decidir o seu futuro".

Máis aló, nunhas declaracións aos medios en Lugo, manifestou o seu desexo de que nestes comicios "se produza o que sempre (se produce) en España" e os madrileños participen do proceso "con normalidade". Non en balde, recalcou que se trata dunhas eleccións "moi importantes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta