O PSOE acusa ao PP de branquear a figura de Pérez Jácome "con carnés de honorabilidade"

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, manifestou nunha entrevista en Radio Líder que teñen "que devolverlle a honra a Jácome".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2021 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

O PP de Ourense xustifica que o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jacome (Democracia Ourensana), "non está imputado" e o PSOE reclámalle que "deixe de branquealo con carnés de honorabilidade".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, manifestou nunha entrevista en Radio Líder que teñen "que devolverlle a honra a Jácome" porque nun momento dubidaron "de determinadas condutas" e apartáronse "do goberno". "Non coñezo a ningún partido en Galicia que se aparte por dubidar do seu socio, ningún", sinalou, para concluír que os populares van "apoiar a Jácome no que sexa positivo para a cidade".

Preguntado por estas palabras o coordinador do PP de Ourense, Jesús Vázquez, xustificou que "neste momento o señor Jácome non está imputado e non está investigado en ningunha causa", pero apostou por que o secretario xeral explique as súas propias palabras. Así sentenciou que, ata hoxe, "non teñen ningún contacto" con Jácome nese sentido.

Respecto diso do apoio manifestado por Tellado, Jesús Vázquez comunicou que están "a colaborar coa cidadanía desde o primeiro momento". "Sempre dixemos que nos tocaba facer unha oposición construtiva, era o que a cidadanía nos demandaba. Nós non gañamos as eleccións, non houbo un gañador claro e por tanto temos unha situación complicada no propio Concello", comentou.

Neste sentido, expresou que "xa colaboraron" cando se uniron ás Xuntas de Goberno para que houbese o mínimo de quórum para que se puidesen realizar. "O Partido Popular entende que hai puntos nos que debemos unirnos todos porque van máis aló dunha ideoloxía política", sostivo Vázquez para pór como exemplo os orzamentos ou o Plan Xeral.

"CARNÉS DE HONORABILIDADE"

Pola súa banda, o Partido Socialista de Ourense reclamou ao PP que deixe de "facer o ridículo repartindo carnés de honorabilidade" entre a corporación municipal "co fin de branquear a Gonzalo Pérez Jacome e salvar así os mobles do partido", mentres manteñen "Ourense bloqueada no abismo".

O secretario da organización provincial, Juan Carlos Francisco, denunciou que o PP ten unha "absoluta falta de responsabilidade" mentres "están centrados en branquear" a un alcalde que pasou de "letal a honorable para soster o fráxil poder municipal de Núñez Feijóo". "Están desnortados tras obter os peores resultados electorais da súa historia e teñen aos ourensáns como reféns das súas pelexas", censurou.

Juan Carlos Francisco referiuse a as palabras de Miguel Tellado e tachounas de "unha nova ofensa" contra Ourense, "do número dous de Feijóo", polo que insta ao presidente da Xunta e do PPdeG a "vir dunha vez á Praza Maior a explicar con claridade, e de viva voz, se está a favor do caos provocado polo alcalde letal ou dos demócratas" que queren, engade, "darlle futuro á cidade e á veciñanza".

"O Partido Popular é o ideólogo da maior campaña de esmagamento que viviu a cidade de Ourense nunca. Ante a grave situación económica social e política debemos esixirlle ao PP que se comprometa coa veciñanza apartando a un alcalde deletéreo", sentenciaron

O portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino
O portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino | Fonte: PSOE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta