A Deputación da Coruña programa máis de 1.400 actividades culturais para 93 concellos

Contará con proxección de películas, concertos, obras teatrais ou actuacións de maxia e danza.

Por E.P. | A Coruña | 04/05/2021 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña levará máis de 1.400 actividades culturais aos 93 concellos da provincia dentro da 'Rede Cultural' da corporación coruñesa, que busca actuar como "unha ferramenta" para a reactivación da cultura en directo.

Teatro con protocolo anticovid
Teatro con protocolo anticovid | Fonte: Europa Press.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, foi o encargado de presentar a programación, composta por 1.409 espectáculos que van desde a proxección de películas, a concertos, obras teatrais ou actuacións de maxia e danza.

Así, a área de cultura busca reivindicar a cultura como "dereito" e que, por tanto, debe chegar a todos os concellos, "desde o máis pequeno ao máis poboado".

Por iso, segundo explica a Deputación coruñesa, o goberno provincial articulou o programa de modo que os concellos de menos de 5.000 habitantes poderán ver cuberto o 75% do orzamento total da programación deseñada.

No tramo de entre 5.000 e 20.000 habitantes, os fondos provinciais chegarán ao 60% do custo da actividade, que será cuberto ao 40% para aqueles concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes e nun 30% nos municipios máis grandes.

Ademais de facer chegar a cultura a todos os concellos da provincia, o outro obxectivo do programa é apoiar o mantemento do emprego no sector tras un ano de crise provocada pola pandemia.

Neste sentido, Couto incidiu en que se manterá o nivel de contración, o que, di, será de "vital importancia para a recuperación económica de persoas autónomas e de pequenas empresas que son maiormente as que compoñen o ámbito profesional da cultura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta