Investigado un condutor por circular a 163 km/h nun tramo limitado a 70 en Caldas de Reis

O condutor foi investigado por un delito contra a seguridade viaria e pode enfrontar a pena de prisión, multa ou traballos en beneficio da comunidade.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 05/05/2021 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A Garda Civil interceptou a un condutor que circulaba a 163 km/h nun tramo limitado a 70 km/h no municipio pontevedrés de Caldas de Reis, polo que foi investigado por un delito contra a seguridade viaria. Segundo informou o Instituto Armado, o feito tivo lugar o pasado día 16 de marzo cando foi detectado polo radar un vehículo que circulaba polo quilómetro 230,8 da estrada N-640 ao seu paso polo termo municipal de Caldas de Reis.

As mesmas fontes sinalaron que este condutor non puido ser interceptado pola patrulla que se atopaba notificando as infraccións. Os gardas comprobaron que o vehículo estaba a nome dunha muller, con domicilio na poboación de Navia (Asturias), polo que se requiriu a colaboración do equipo GIAT do Subsector de Tráfico de Asturias, co fin de pescudar quen conducía no momento da infracción.

A titular manifestou que o vehículo o conduce habitualmente o seu fillo, de 20 anos, o cal eventualmente traballa na provincia de Pontevedra, e reside, tamén de forma eventual, na Coruña.

Tras localizalo, este martes pasado procedeuse á súa investigación por un delito contra a seguridade viaria, ao exceder en máis de 80 km/h o límite permitido en vía interurbana, polo que pode enfrontarse a pena de prisión de tres a seis meses, multa de seis a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. Ademais, a infracción leva aparellada a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

"Este tipo de condutas constitúe un dos principais factores de risco que concorren nos accidentes en xeral, e dos máis graves en particular, polo que son un grave problema de seguridade viaria, non só para os responsables senón tamén para o resto de usuarios da vía", avisa a Garda Civil.

A Garda Civil de Pontevedra intercepta a un condutor por exceso de velocidade.. GARDA CIVIL
A Garda Civil de Pontevedra intercepta a un condutor por exceso de velocidade.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta