PP, PSdeG e BNG únense e urxen incoar o procedemento para incluír no BIC de Meirás mobles "inseparables" do pazo

A Cámara pide á Xunta traballar co Estado para evitar "un novo saqueo" e trasladar aos Franco a "imposibilidade" de retirar bens non persoais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/05/2021 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

Os tres grupos con representación na Cámara galega, PPdeG, BNG e PSdeG, aprobaron, por unanimidade, instar á Xunta a defender a incoación de maneira urxente do procedemento para incluír no BIC Torres de Meirás os bens mobles que formen "parte inseparable" do inmoble pola súa vinculación con el.

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado | Fonte: M.Dylan - Europa Press.

A iniciativa aprobada, presentada polo BNG, que aceptou unha emenda do PPdeG, na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, tamén chama ao Goberno galego a defender a aplicación provisional do réxime de protección previsto para bens de interese cultural a estes mobles.

Así mesmo, o Parlamento galego pediu á Xunta demandar ao Estado a interposición das "accións xudiciais pertinentes" para defender a titularidade pública dos bens mobles "necesarios para explicar a historia" do BIC, que "son parte integrante e inseparable do conxunto" e cuxa titularidade ou dominio é de carácter público. Ademais, reclamou que o Executivo galego actúe como coadxuvante nos procedementos xudiciais interpostos pola Administración Xeral do Estado.

A Cámara tamén demandou a colaboración do Goberno e a Xunta na adopción de "todas as medidas previstas na lexislación" para "garantir a unidade e a integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás, así como "para impedir un novo saqueo de bens que foron resultado do espolio franquista". Nese sentido, a iniciativa aprobada sinala a necesidade de que o Goberno galego advirta aos descendentes do ditador da "imposibilidade de sacar de Meirás todos aqueles bens que non sexan os obxectos e utensilios de uso estritamente persoal e privado".

Adicionalmente, o Parlamento urxiu á Xunta a levar a cabo as accións pertinentes para que os bens declarados como de interese cultural, as Estatuas do Mestre Mateo e a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, "se manteñan en Galicia", en resposta "ao sentimento xeneralizado da sociedade galega".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta