Galicia queda sen nenos: os nacementos descenden en Galicia máis dun 10% no primeiro trimestre

A caída é máis acusada que o retroceso da media española.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2021 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

Galicia rexistra un total de 3.422 nacementos no primeiro trimestre de 2021, o que supón 410 menos (-10,7%) que no mesmo período de 2020.

Así figura nunha estimación experimental de nacementos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE) co fin de coñecer os ocorridos desde xullo de 2020 (os datos do primeiro semestre xa se atopan publicados con carácter provisional).

O INE aborda este proxecto con datos actualizados recibidos cada mes desde os rexistros civís combinados con información histórica da Estatística de Nacementos. O obxectivo é estimar os nacementos ocorridos durante a pandemia da covid-19.

A nivel estatal, estímase que houbo 77.794 nacementos no primeiro trimestre de 2021, o que representa unha caída do 8,75%, dous puntos menos que o caso galego. Se a comparativa se fai cos primeiros tres meses de 2019, tamén hai unha caída de alumeamentos en Galicia (-11,5), algo superior á media española (-11,1%).

Entre as catro provincias galegas, a da Coruña sofre o maior retroceso (-11,8%), con 1.461 nacementos no primeiro trimestre. Séguelle Pontevedra, con 1.251 (-10,5%). Lugo suma 377 alumeamentos no tres primeiros meses de 2021 (-9,28%), mentres que en Ourense houbo 333 (-7,9%).

Arquivo - Maternidade, neno, bebé. DEPUTACIÓN FORAL DE ÁRABA - Arquivo
Arquivo - Maternidade, neno, bebé. DEPUTACIÓN FORAL DE ÁRABA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta