A Xunta adiantará a autónomos e empresas as axudas do terceiro plan de rescate mediante unha declaración responsable

Serán 234 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/05/2021 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia avanzou que adiantará aos autónomos e ás empresas o 100% das axudas do terceiro plan de rescate mediante a presentación dunha declaración responsable por parte dos solicitantes, como xa se fixo nos dous plans realizados ata agora con fondos autonómicos.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, nas reunións sobre o terceiro plan de rescate
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, nas reunións sobre o terceiro plan de rescate | Fonte: Xunta de Galicia.

Este terceiro plan de rescate da Xunta porase en marcha cos 234 millóns de euros comprometidos polo Estado para Galicia.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús anunciou a dobre intención do Goberno galego de reservar diñeiro para que as axudas cheguen aos negocios máis afectados pola pandemia, e que os importes vaian en consonancia coa perda de facturación e o número de persoas empregadas, como se fixo nos dous plans anteriores desenvolvido pola Xunta.

A titular de Emprego lembrou que o 97% do tecido empresarial galego está conformado por traballadores autónomos e microempresas. "Imos tentar modular o importe das axudas para que chegue ao maior número posible e non queden prexudicados na repartición os negocios máis pequenos", sinalou a conselleira, que asegurou que se pretende "reservar crédito para os autónomos, microempresas e negocios con ata 25 traballadores".

Así, a conselleira remarcou que as axudas do Goberno a sectores afectados pola pandemia deben alcanzar aos pequenos negocios.

Nesa mesma liña, indicou que se traballará para "poder axustar as axudas con máis diñeiro canta maior perda de facturación rexistrasen os negocios e cando maior sexa o número de persoas traballadoras contratadas".

Ademais, a conselleira volveu a sinalar que os 234 millóns concedidos polo Goberno a Galicia son "escasos" e lembrou que se trata do 4% dos 5.000 que reparte "con criterios dubidosos" entre as comunidades peninsulares. Todo iso mentres Galicia recibe "nos fondos de emprego un 8%".

Conforme apuntou a Xunta, o terceiro plan de rescate ampliará as axudas a todos os sectores de actividade económica que fosen afectados pola crise, "facendo uso da flexibilidade que o estado deixou finalmente ás Comunidades autónomas tras limitar os pagos a sectores concretos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta