Santalices reclama "coordinación entre as administracións" ante o fin do estado de alarma

O presidente do Parlamento galego apelou a "ser previsores para que non se volvan a repetir situacións como as vividas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2021 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, pediu "coordinación entre todas as administracións" ante o fin do estado de alarma, que terá lugar este domingo. "Acaba o estado de alarma, pero non a pandemia, o virus segue aí, que a cidadanía non se confunda e se relaxe", advertiu Santalices preguntado polos medios tras vacinarse contra a covid-19 este sábado no recinto feiral de Expourense.

"Hai algunhas decisións que me xeran unha certa desorientación", lamentou Santalices. "Un tribunal dita un auto para a Comunidade Valenciana completamente distinto a un que se dita o País Vasco con respecto a que medidas poden ou non tomar as comunidades", apuntou. Así, considerou que "a situación require o esforzo de porse de acordo", polo que demandou a "máxima coordinación institucional".

Santalices afirmou ter "confianza" é que o diálogo "que se abriu" entre o Goberno central e a Xunta de Galicia por mor da modificación de "certos aspectos" da Lei de Saúde "teña un resultado positivo".

Así as cousas, chamou a "unificar forzas contra esta pandemia". "Todas as administracións que temos algunha responsabilidade temos que coordinarnos neste asunto tan serio", defendeu o presidente da Cámara galega, que insistiu en que a cidadanía "agradecería" esta actitude.

Así mesmo, fixo fincapé na importancia da prudencia e a responsabilidade individual ante "a desaparición do estado de alarma". Deste xeito, apelou a "ser previsores para que non se volvan a repetir situacións como as vividas".

VACINACIÓN

O presidente do Parlamento pronunciouse deste xeito tras recibir este sábado a primeira dose contra o covid-19 en Ourense, onde chamou a vacinarse, o que representa "un acto de xenerosidade". "Pensas que acabas de facer algo moi positivo tanto para un, porque protexes a túa saúde, como para o resto da cidadanía".

"Non hai nada máis seguro, a organización é perfecta. Desde que entras ata que salgues está todo controlado", comentou para, a continuación, apostilar que a cidadanía debería responder o "esforzo" realizado pola comunidade científica "para desenvolver a vacina nun tempo tan limitado" recibíndoa "masivamente".

Neste sentido, lembrou que "hai outras enfermidades, como a da SIDA, polas que aínda se está esperando a vacina", polo que a obtención do antígeno contra a covid-19 supón "un fito sen precedentes para a comunidade científica". "Animémonos todos a vacinarnos, que é a solución para este asunto", aseverou.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices, recibe a vacina en Ourense. PARLAMENTO DE GALICIA
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices, recibe a vacina en Ourense. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta