Controlado o incendio da conserveira de Boiro e os veciños evacuados volven ás súas vivendas

O incendio, segundo informou o 112 Galicia, quedou controlado ao fío das 20,30 horas e agora os equipos de extinción traballan para "reforzar o perímetro de seguridade" establecido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2021 | Actualizada ás 22:24

Comparte esta noticia

O incendio declarado nas instalacións da conserveira Jealsa en Boiro quedou controlado ao redor das 20,30 horas da tarde deste sábado. Ademais, as 60 persoas que foran evacuados polo fume puideron volver ás súas vivendas.

Así o confirmaron a Europa Press fontes da Xunta e dos servizos de emerxencias no marco do operativo posto en marcha por mor deste lume que, debido á súa magnitude, obrigou a activar o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platega).

O incendio, segundo informou o 112 Galicia, quedou controlado ao fío das 20,30 horas e agora os equipos de extinción traballan para "reforzar o perímetro de seguridade" establecido, á vez que se pon en marcha as medidas necesarias para apagar as chamas por completo.

Así mesmo, mentres tratan de evitar que se estenda a outras instalacións da súa contorna, as 60 persoas que foran evacuadas por precaución das súas vivendas puideron regresar a elas, situadas no lugar de Agüeiro, e están en bo estado.

Ao longo da tarde, desprazouse ata o punto o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen explicou ante os medios de comunicación --en compañía do director xeral de Jealsa, Cristóbal Valdés-- que as labores se centraban, principalmente, en evitar que o lume afecte os depósitos de amoníaco e á zona de produción da factoría.

Segundo Rueda, ata o momento "uns 16 ou 18 vehículos" e "máis de 50 efectivos" participaran nos labores de extinción das chamas, un suceso do que o CIAE 112 Galicia recibiu un primeiro aviso "sobre as 15.00 horas".

O vicepresidente primeiro detallou que se está actuando por "terra, mar e aire" co obxectivo de "salvar unha parte importante da fábrica". E é que, conforme sinalou, hai "dúas zonas sensibles" que son a área de "produción", así como a zona na que se sitúan uns depósitos de amoníaco ante o "problema engadido" desde o punto de vista ambiental que podería supor que estes ardesen.

A pesar da magnitude do incendio declarado nunha nave cuxas instalacións están a beiras da ría de Arousa, non se rexistrou ningún ferido

Incendio nas instalacións da empresa Jealsa, a 8 de maio de 2021, na parroquia de Abanqueiro, Boiro, A Coruña, Galicia (España). Segundo informaron fontes municipais, as chamas nas instalacións que a empresa conserveira Jealsa ten en l. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Incendio nas instalacións da empresa Jealsa, a 8 de maio de 2021, na parroquia de Abanqueiro, Boiro, A Coruña, Galicia (España). Segundo informaron fontes municipais, as chamas nas instalacións que a empresa conserveira Jealsa ten en l. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press


VECIÑOS EVACUADOS

Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, explicou que foi a presenza de fume a que motivou que se decidise evacuar a decenas veciños das vivendas máis próximas á zona.

Ademais, o rexedor sinalou que, aínda que xa se empezaba a observar "melloría" debido a que o vento era "favorable" á extinción, prevese que o operativo de emerxencias continúe toda a noite no lugar para arrefriar a zona.

Á zona tamén se desprazou este sábado a subdelegada do Goberno na provincia, Pilar López-Riobóo, quen se reuniu cos representantes da empresa e do concello. Ademais, agradeceu o traballo aos efectivos do operativo de emerxencias.

"Á empresa dixémoslle, do mesmo xeito que ao Concello, que pomos á súa disposición todos os servizos da Administración Xeral do Estado para tratar de temperar todos os danos que poidan sufrir a empresa e os traballadores", manifestou

PLAN TERRITORIAL DE EMERXENCIAS

Tras a declaración do incendio, a Xunta activou o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia para garantir a coordinación entre os organismos mobilizados. Precisamente, o CIAE 112 Galicia solicitou a intervención dos bombeiros de Borio, Ribeira e Ribadumia, así como do GES de Noia e dos efectivos de Protección Civil de Boiro.

Tamén foron mobilizados equipos de Salvamento Marítimo e de Gardacostas de Galicia, así como a Policía Local e a Gorida Civil. A intensa fumareda provocada polas chamas declaradas sobre as 14,30 horas deste sábado pode verse desde puntos de toda a ría de Arousa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta