A ex conselleira Mato, premio Dioxina 2020, por ser un exemplo "das portas xiratorias"

Durante a súa etapa como conselleira de Medio Ambiente, a Xunta autorizou 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 1,8 millóns en subvencións e préstamos ás empresas do grupo no que agora traballa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/05/2021 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) vén de comunicar, logo da realización da súa 45ª Asemblea Xeral na xornada do sábado, do fallo dos Premios Osíxeno e Dioxina 2020, que nesta edición cumpren os 20 anos, e a través dos que quere subliñar o mellor e o peor do pasado ano desde a perspectiva ambiental e ecoloxista.

Beatriz Mato, no foro de Asime. CAPTURA
Beatriz Mato, no foro de Asime. CAPTURA

En canto aos premios Dioxina, que se outorgan a persoas e colectivos que teñan protagonizado as accións ou actitudes do ano máis nefastas para o medio ambiente galego, este ano foi para a ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, “por protagonizar un dos casos máis escandalosos en Galicia de “portas xiratorias” ao pasar a ser directora de Desenvolvemento Corporativo da compañía eléctrica Greenalia só dous meses despois de deixar a política.

 

“Durante a súa etapa como conselleira de Medio Ambiente e até 2019, a Xunta autorizou 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795.000€ en subvencións e 1.000.000€ en préstamos ás empresas do grupo no que agora traballa”, recalca Adega.

 

E o Premio Dioxina colectivo 2020 vai para ás mans de Alcoa “por querer abandonar a Mariña lucense sen saldar a súa débeda ecolóxica e social. En 2020, anunciou o despedimento de máis de 500 persoas sen un plan alternativo para o futuro da comarca e sen garantir o pago da súa débeda ambiental”. 

PREMIOS OSÍXENO 

O Premio Osíxeno de Honra 2020, concibido para subliñar unha traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio, recaeu desta volta no traballo e no compromiso co medio ambiente galego do debuxante, humorista gráfico e guionista Carlos Silvar, un dos máximos expoñentes da ilustración naturalista de Galicia e autor das guías de Natureza en galego de referencia.

“Comprometido co ecoloxismo galego, a súa vontade sempre estivo aberta a colaborar con Adega e con outras organizacións para a defensa ecolóxica do país, ben a través da docencia, ben por medio do deseño e ilustración de materiais educativos e divulgativos”, apunta a entidade nun comunicado.

O recoñecemento das mellores actuacións ambientais en 2020 recaeron no activista e ecoloxista Fernando Malvar, “polo seu papel incansábel á fronte da plataforma A Rente do Chan-Pladever na defensa do Verdugo; e mais na Plataforma “Salvemos o Iribio”, na zona de Especial Conservación Ancares-Courel.

Adega lembra que o río Verdugo está ameazado por un “transvasamento e condenado a seguir soportando os efectos dunha central hidroeléctrica (Ponte do Inferno) que data de 1899 e que continúa en activo, malia a ter caducado a súa concesión de explotación en 2017”. O premio Osíxeno colectivo 2020 para “Salvemos O Iribio” quere recoñecer o seu éxito conseguindo frear a construción do parque eólico  da Serra do Iribio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta