Ana Pontón: "Coa Universidade de Abanca o PP rompe coa educación igual para todos"

Os reitores galegos volven pedir o cumprimento "estrito" da lei, que rexeita que se poidan duplicar titulacións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/05/2021 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou o Partido Popular de Galicia de tratar de "regalar" a Abanca "unha universidade privada para que siga facendo negocio" tras "permitir o pelotazo coas caixas galegas". Así se pronunciou Pontón nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega tras reunirse cos reitores das universidades galegas para abordar o proxecto de lei de creación da Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada de Galicia e que está promovida por Afundación.

Na súa intervención, Pontón asegurou que a súa formación comparte cos reitores a "total negativa" a este proxecto, co que considera que o Goberno de Feijóo "rompe coa educación igual para todos" e dá "luz verde" a unha "universidade para ricos". A líder dos nacionalistas galegos, que sostivo que as taxas para estudar nesta universidade oscilarían entre "os 7.500 e os 11.000 euros", preguntouse "cantas familias galegas poden pagar entre 30.000 e 40.000 euros para mandar os seus fillos á universidade".

Neste sentido, criticou que, en plena crise pola pandemia, a "prioridade" da Xunta sexa "lexislar para unha minoría" cando "hai outros problemas que atender".

ANOS DE "RECORTES"

Así mesmo, Pontón censurou que o Goberno de Feijóo favoreza o "negocio privado" dun banco mentres "leva 12 anos racaneando ao sistema universitario público". "Os datos son moi claros, o recorte acumulado entre o 2010 e o 2021 é de 386 millóns", afirmou. "Así é como entende a defensa dos intereses dos galegos", criticou a portavoz nacional do Bloque, que incidiu en que a sociedade galega "non necesita" unha universidade privada para "privilexiados ao alcance dunha minoría".

"Necesitamos reforzar o sistema universitario público ao que acceden os fillos e fillas da maioría do noso país e poder recuperarse dos recortes", sostivo Pontón, que sostivo que tamén "existen dúbidas" sobre a legalidade do proxecto.

CRÍTICAS DOS REITORES

Precisamente, neste punto, a "legalidade" do texto, incidiron tanto o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, como o da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, na rolda de prensa. Por motivos de axenda, o da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistiu ao encontro de forma telemática.

Así, o reitor da USC sinalou que as tres universidades galegas teñen unha "posición común" que pasa por defender a "capacidade do sistema público para dar solución ás demandas dos estudantes e do tecido empresarial" e o cumprimento da legalidade. "Estamos a traballar en mellorar a nosa oferta e, por tanto, pensamos que desde o sistema público podemos dar solución a esta demanda", afirmou.

Sobre esta iniciativa privada asegurou que lles "preocupa" que se poidan duplicar as titulacións que actualmente se ofertan nun contexto no que a propia lexislación sinala que estes proxectos deben de ter carácter complementario e non duplicar titulacións que xa se ofrecen no sistema público. Tamén trasladou a súa preocupación pola "calidade" e o feito de que poida "devaluarse" o concepto de ensino universitario se o servizo se presta nunhas condicións que "non son equiparables". Neste sentido, Reigosa subliñou que as universidades públicas queren que se "cumpra estritamente a lei" de forma que non se inclúan títulos que "xa se estean ofertando na pública".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e os reitores das universidades de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, e Santiago (USC), Antonio López, reúnense no Parlamento de Galicia. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e os reitores das universidades de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, e Santiago (USC), Antonio López, reúnense no Parlamento de Galicia. BNG | Fonte: Europa Press

RESPOSTA DO PPDEG

Pola súa banda, preguntado respecto diso, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lembrou que este proxecto lexislativo pasou controis do Goberno central, que autorizou a súa tramitación, como da Xunta, unhas medidas que "garanten que se respecta o principio de legalidade". "Por tanto, os reitores nisto poden estar tranquilos", afirmou.

"Non só estase cumprindo a lei senón que o que se está facendo é un investimento nunha iniciativa que eu creo que dificilmente se pode cuestionar desde o punto de vista da creación de emprego de calidade, desde o punto de vista do seu impacto no territorio", sinalou para incidir en que se trata dun investimento en "educación superior".

Ademais, dixo que se trata dunha iniciativa "complementaria" ao que "fan as propias universidades". "Porque a propia lei galega impide que se impartan titulacións que xa están a ser impartidas por parte das universidades públicas", apuntou.

Tamén sinalou que se "autofinanciará" e que, por tanto, "non só non vai interferir no funcionamento ordinario das universidades públicas, senón que, ademais, se un o pensa, en como funciona o traballo universitario no resto do mundo, onde conviven perfectamente as universidades privadas como as públicas, pode haber ata sinerxías", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Riolo

Patética Pontona. No se entera de que la libertad de enseñanza implica entre otras cosas que se puedan crear centros educativos. Si hablamos de ricos, una señora como ella, con sueldos públicos de más de 5.500 euros netos al mes, está entre la clase alta y seguro que llevará a este tipo de centros a su hija.

1 Sentidiño

Pódense crear todos os centros educativos que se queiran: Institutos internacionais de Paraciencias, Escolas superiores de Tortura de Bóvidos, Centros superiores de Terraplanismo,... Outra cousa é que se recoñezan coma oficiais os seus diplomas falsos. Se a banca privada quere recrutar inúteis, adiante. A consanguinidade produce idiotas.