Pagar por herdar unha granxa: así "torpedea" a AEAT a supervivencia do agro galego

O Sincato denuncia uns tributos "inxustos" que dificultan a transmisión de negocios pais a fillos, principal vía para a continuidade do agro galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2021 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Nova denuncia do Sindicato Labrego Galego a prol da supervivencia do agro. Pouco despois de que diversas asociacións ecoloxistas fixeran fincapé na posibilidade de que a febre eólica remate por reducir aínda máis as poboacións no rural da Comunidade, o SLG vén de poñer o foco noutra cuestión que, a ollos do sindicato, suma novas barreiras ao futuro da Galicia alén das cidades: a Axencia Tributaria.

Agroforestería
Agroforestería | Fonte: calibre-agroforestry.org.

O problema apuntado polo Sindicato atoparíase nun cobro “inxusto” realizado pola AEAT e que, apuntan, podería “torpedear” a continuidade do campo galego ao dificultar o relevo xeracional nas explotacións agrogandeiras da Comunidade. Segundo explican, dende hai varios anos a Axencia Tributaria grava como ganancia patrimonial os cambios de titularidade nunha explotación mesmo dentro dunha familia.

“A AEAT entende que se produce unha ganancia patrimonial pola que obriga a tributar á persoa que cede a titularidade da explotación”, é dicir, a pagar por herdar o negocio, “aínda que dita ganancia non se produce realmente, pois trátase dunha cesión da explotación dentro do ámbito familiar sen que haxa contraprestación económica”.

A nova de que este imposto “inxusto” seguiría aplicando vén de caer coma un mazo sobre as expectativas do Sindicato, que no pasado mes de marzo eloxiou as primeiras resolucións do Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galiza (TEAR-G) contra o cobro deste tributo en transmisións entre cónxuxes casados. Pouco duraron as expectativas de cambio: “Porén, esta semana coñecemos que o mesmo TEAR-G vén de resolver que, cando esas transmisións se realizan de pais ou nais a fillos ou fillas, deben ser consideradas como unha ganancia patrimonial, de maneira que obrigan a tributar á persoa que cede a titularidade da explotación ao seu fillo ou filla”.

DIFICULTADES PARA COMEZAR DE CERO

Para o Sindicato Labrego Galego, esta resolución, ademais de ser “inxusta”, “torpedea” o relevo xeracional na profesión agraria, que á parte estaría a sufrir unha “aguda crise” por envellecemento na Galiza. “Cómpre salientar o feito de que, no sector bovino (lácteo e vacún de carne) unha das principais maneiras de incorporarse é pola transmisión de pais e nais a fillos e fillas, xa que as dimensións dunha explotación rendible hoxe en día fan practicamente imposible o investimento necesario para poder comezar dende cero na actividade” explican.

Por estas razóns, o SLG anuncia que levará a cuestión ao Consello Agrario Galego para que “realice unha reclamación unánime á Axencia Tributaria de cara a retirar a obriga de tributar ás cesións de dereitos da PAC de pais e nais a fillos e fillas por ser totalmente inxusta, ademais dun lastre para o necesario proceso de rexuvenecemento do noso agro e medio rural a través da incorporación de mozos e mozas á profesión agraria”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta