Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 11/05/2021 | Actualizada ás 11:55
A Unión Europea solicitou este martes ante os tribunais belgas que a farmacéutica AztraZeneca sexa condenada a pagar unha cantidade aínda por determinar polos "danos e prexuízos" causados aos Vinte e sete co atraso na repartición da vacina contra o coronavirus, nunha segunda demanda que se une á causa civil iniciada hai semanas para reclamar a entrega urxente das doses pendentes.
A Comisión Europea, que acudiu á Xustiza ordinaria tras non lograr de forma amigable que o laboratorio cumprise o asinado, lanza así un segundo proceso xudicial para tratar de forzar a entrega dos 300 millóns de doses asinadas con AstraZeneca como moi tarde en setembro.
Os avogados do Executivo comunitario defenderon na audiencia pública celebrada este martes a urxencia para resolver este asunto "á luz do seu impacto en vidas humanas, nas liberdades fundamentais e na campaña de vacinación".
A defensa de AstraZeneca, pola súa banda, puxo en dúbida que o caso deba resolverse con carácter de urxencia xa que a Unión Europea logrou abastecerse a través doutros laboratorios distintos que lle permiten contar cunha reserva "amplamente suficiente para a súa poboación".
A Xustiza belga celebrará xa o 26 de maio unha primeira vista para examinar o procedemento de urxencia co que Bruxelas reclamou todas as doses contratadas de inmediato, aínda que terá un mes para tomar a decisión definitiva, segundo explicaron fontes xurídicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.