A "administración paralela" da Xunta: máis de medio millón de euros para "beneficiar empresas afíns"

CCOO acusa á Xunta de empregar un mecanismo non recomendado polas propias institucións para "evitar contratar traballadores fixos" e "fuxir do control parlamentario".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Nova denuncia contra a “administración paralela” do Goberno de Feijóo. Comisión Obreiras vén de cargar contra o “dispendio” “inxente” de recursos que, ao seu ver, estaría desenvolvendo a administración autonómica. O gasto concreto estaría a ter lugar no Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), onde “case a metade” dos traballadores estarían contratados seguindo un modelo non recomendado polo Consello de Contas de Galicia.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras unha reunión coa ministra de Economía na sede do Ministerio, a 30 de abril de 2021, en Madrid (España). Esta reunión pretende abordar a crise que viven varias industrias galegas, as. A. Pérez Meca - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras unha reunión coa ministra de Economía na sede do Ministerio, a 30 de abril de 2021, en Madrid (España). Esta reunión pretende abordar a crise que viven varias industrias galegas, as. A. Pérez Meca - Europa Press

A problemática denuncia pola Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO, e que incorrería nesta “administración paralela”, garda relación cunha figura administrativa chamada “encomendas de xestión”. De xeito breve, esta daríase cando unha administración pública externaliza as súas tarefas, descargando sobre outro órgano o aspecto material da angueira mentres que eles manteñen a responsabilidade legal. 

“No caso do INEGA”, apuntan dende CCOO, “as encomendas de xestión empregan a 15 persoas, que case equivalen á metade das traballadoras e traballadores públicos con que conta o organismo público”, que serían 33, segundo as mesmas fontes. En total, un desembolso de recursos públicos que de acordo con Comisións se elevaría por riba do medio millón de euros. O sindicato lembra que o Consello de Contas “recomenda non empregar este sistema de contratación de servizos” como medio recorrente para suplir as carencias de persoal propio.

CONTRATAR PERSOAL PROPIO

Estes 528.619’08 euros corresponderíanse a investimentos distintos que antes eran desenvoltos con persoal propio pero que, por orde do goberno do PP, se estarían a desenvolver coas nomeadas encomendas, descargando o traballo en empregos externos. Entre estas tarefas estarían os plans públicos para renovar vehículos, electrodomésticos e demais cuestións relacionadas coa xestión de axudas públicas. 

Para a FSC-CCOO, estas prácticas demostran que o Goberno de Feijóo “continúa impulsando a súa propia Administración paralela", para o que se está “a malgastar unha inxente cantidade de recursos públicos en prestar un peor servizo”. Fronte a estas circunstancias, o sindicato insta a “paralizar as encomendas fraudulentas” e contratar persoal propio para desenvolver as actividades en cuestión. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta