Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2021 | Actualizada ás 19:16
O Concello de Ourense publicou os resultados dun estudo sociolóxico encargado á empresa 'Celeste-Tel'. O informe, segundo a administración local, busca coñecer a valoración cidadá sobre diversos aspectos da vida política e municipal.
O estudo foi elaborado a partir de 600 entrevistas telefónicas realizadas entre o 15 e o 23 de abril deste ano e, entre outros datos, reflicte cuestións como a valoración de cargos políticos, a percepción sobre a pandemia, proxectos municipais ou mesmo un apartado específico sobre evolución da intencionalidade de voto na cidade en comparación aos últimos comicios.
A publicación deste informe recibiu críticas desde outras formacións, como o BNG, cuxo portavoz, Luís Seara, censurou que se tente "enmascarar" como estudo sociolóxico unha enquisa "puramente electoral" para "xustificar o seu pago" á conta dos orzamentos municipais.
Os nacionalistas avanzaron que solicitarán toda a información relativa ao expediente de contratación ou se existen estudos anteriores elaborados pola mesma empresa demoscópica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.