Fernández Lores: "non hai ilegalidade nin irregularidade algunha" coas licenzas da súa casa

"Non hai absolutamente nada ilegal", insistiu o alcalde pontevedrés tras lembrar que na época na que se construíu a súa casa "non era obrigatoria" esta licenza de primeira ocupación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2021 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reiterou este mércores que "non hai ilegalidade nin irregularidade algunha" coas licenzas da súa casa, que pasou 22 anos sen licenza de primeira ocupación.

Preguntado polos xornalistas no transcurso dunha comparecencia, Lores defendeu que a súa residencia na parroquia de Marcón "nunca foi unha casa ilegal", xa que ten cinco licencias concedidas e, segundo engadiu, nunca se lle abriu ningún expediente de infracción.

"Non hai absolutamente nada ilegal", insistiu o alcalde pontevedrés tras lembrar que na época na que se construíu a súa casa "non era obrigatoria" esta licenza de primeira ocupación.

En concreto, solicitou a licenza de obra en xullo de 1997 e a ordenanza que regula as licenzas de primeira ocupación aprobouse meses despois, en outubro de 1997, data desde a que se comezaron a esixir estas certificacións.

O rexedor nacionalista convidou a "que investiguen o que queiran porque non van encontrar absolutamente nada", lembrando que a situación administrativa da súa casa "é a mesma que a de moita xente".

Concretamente son 575 as casas unifamiliares construídas antes de 1998 no rural do municipio de Pontevedra que tampouco teñen esa licenza de primeira ocupación.

A situación da residencia de Fernández Lores normalizouse en agosto do ano pasado cando a muller do alcalde pediu permiso para a construción dunha piscina, resolvéndose o trámite en xaneiro deste ano.

"MARRULLERISMO"

Fernández Lores acusou ao Partido Popular de sacar "as cousas de contexto" e protagonizar un episodio de "marrullerismo político" que explica no feito de que a "derechona" de Pontevedra "non leva nada ben" que os nacionalistas gobernen a cidade desde hai dúas décadas.

"É unha oposición destrutiva, marrullera e que non achega máis nada que embarrar", dixo o rexedor do BNG. Lores cre ser o alcalde "máis investigado de todo o país", sen que por agora atopasen nada ilegal na súa xestión, e aínda que os populares "xa o tentaron por todos os medios" agora dedícanse "a ensuciar que algo queda", sentenciou.

Pola súa banda, o presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, asegurou que a licenza de primeira ocupación solicítase unha vez terminada a obra, no caso da casa do alcalde, no 2000, cando a Ordenanza municipal xa estaba en vigor.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta