O proxecto "para falar en galego a Siri ou Alexa" quere crear un banco de recursos para uso libre

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/05/2021 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

O proxecto 'Nós', definido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, como a iniciativa coa que "se poderá falar en galego a Siri ou Alexa' tamén contempla a creación dun banco de recursos "en formato libre" para que "calquera aplicador", desde particulares a empresas ou administracións, poida "acceder e desenvolver" o seu produto para levalo ao mercado.

Alberto Núñez Feijóo presenta o Proxecto Nós de intelixencia artificial para o galego
Alberto Núñez Feijóo presenta o Proxecto Nós de intelixencia artificial para o galego | Fonte: DAVID CABEZÓN - XUNTA.

Así o detallou o responsable do departamento de Cultura na súa resposta a unha pregunta oral formulada pola deputada do PPdeG Sandra Vázquez no pleno do Parlamento galego, centrada nas accións da Xunta para fomentar o uso do galego no mundo dixital.

Neste sentido, Rodríguez destacou o proxecto 'Nós', presentado o pasado martes e que consta de "dúas patas", unha "cultural" para a promoción da lingua galega e o fomento do seu uso nas plataformas dixitais e, por outra banda, unha vertente "económica".

Neste sentido, a Xunta quere que 'Nós', desenvolvido a través dunha colaboración público privada "significativa", sirva de "banco de recursos tecnolóxicos e lingüísticos" do que poidan valerse os promotores de iniciativas empresariais e sociais.

Segundo o conselleiro, este proxecto de intelixencia artificial "suporá o salto decidido" do galego ao mundo dixital e servirá para "pontencia o uso entre a mocidade" pois "unha lingua viva dixitalmente ten máis garantías de futuro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta