Por Carlota Álvarez | SANTIAGO | 16/05/2021 | Actualizada ás 22:00
Aos seus 82 anos, o sadense Bernardo Valiño recorda emocionado os 21 anos que estivo ao fronte da Romaría Internacional. Tratábase dun espectáculo que trouxo a Galicia espectáculos internacionais dende o 1979 ao 2000. Organizado por un patronato de concellos de diferentes ideoloxías, percorría a comunidade durante un mes, ofrecendo unha gran variedade de actuacións.
Recentemente circulou polas redes un vídeo de artistas de Corea do Norte cantando a popular canción “Vai lavar a cara”. Esta actuación enmárcase no 1990 dentro da programación da Romaría Internacional, e foi representado na Estrada ante 3.000 persoas. Porén, Valiño recorda que detrás da actuación hai unha explicación para comprender como chegaron as coreanas a cantar en galego.
Sete anos antes, no carnaval de Gran Canaria, o produtor de Sada viu unha actuación dun grupo de Corea do Sur que lle chamou a atención. Eran os primeiros anos da romaría, pero esta “colonia coreana” xa oíra falar dela, polo que aceptaron a invitación para participar na Romaría Internacional. Este grupo finalmente non asistiu, pero intermediaron co Goberno surcoreano para enviar o Ballet Nacional de Corea do Sur, sorprendendo aos galegos que o viron. “Se actuaban por exemplo en Pontevedra e ían ao día seguinte a Monforte, a xente ía detrás del. Era unha cousa preciosa”, asegura Bernardo Valiño.
Anos máis tarde, ante a boa impresión que deixara este país, deciden volver ter en carteleira unha delegación coreana, pero neste caso foi con Corea do Norte, pois a través dunha amizade, Diego Cruz, e a mediación de Santiago Carrillo, Bernardo Valiño recibe unha invitación para viaxar a Corea do Norte, onde aínda gobernaba Kim Jong-il. É aquí onde coñece a cultura e onde lle ensina ao coro norcoreano “Vai lavar a cara” e o himno galego. Esa non foi a única viaxe a Corea, pois nunha segunda visita, acompañado por 4 membros do patronato, trouxeron aos coros do exército. “O tema da canción arranca un pouco todo con corea do Sur, pola boa imaxe que deixou e que nós queriamos seguir con Corea, e eles trouxeron a peza a modo de agasallo. Pero aquel ano tamén un grupo ruso trouxera unha canción galega”, explica Valiño, referíndose ao vídeo viral.
“O feito de que veciños de aldeas puidesen ver espectáculos que na súa vida verían era unha satisfacción persoal. A xente tiña sensibilidade aínda que non fose consciente do que vían”
Pero polos concellos galegos non só pasou o coro coreano, senón tamén outros espectáculos internacionais como o Ballet Bolshói de Rusia ou o teatro sobre auga de Vietnam. Bernardo Valiño recorda emocionado como a xente acollía todos estes espectáculos de gran nivel artístico: “O feito de que veciños de aldeas puidesen ver espectáculos que na súa vida verían era unha satisfacción persoal. A xente tiña sensibilidade aínda que non fose consciente do que vían”
UN LIBRO QUE RECOLLERÁ OS 21 ANOS DA ROMARÍA INTERNACIONAL
Nos 21 anos que se celebrou a Romaría Internacional, as anécdotas e historias foron moitas, así como o número de persoas que houbo detrás. Por iso, despois de dúas décadas da última edición, Bernardo Valiño está a escribir un libro, no que colaboran persoas como Pedro Páramo, Consuelo Álvarez de Toledo ou Vázquez Portomeñe. “Hai tantas cousas da romaría que por iso moita xente me insistiu en escribilas, porque aí estamos todos, e a xente do patronato está moi animada. E eu non quero que desaparezan”, explica Valiño.
Nesta obra que se está a escribir recóllense “21 anos marabillosos” nos que “había un ambiente extraordinario e de colaboración”. Os artistas de diferentes países convivían durante un mes no que percorrían os concellos galegos e actuaban para as súas xentes. “A romaría era algo máis que a romaría, era máis que os espectáculos, eran moitas relacións”, afirma. Esa convivencia facía que se establecesen grandes relacións de amizade, cooperación e incluso amor, cociñándose pratos típicos uns a outros ou axudándose nas tarefas mutuamente. Pero este ambiente non só se creaba dentro da romaría, senón que o seu espírito sen intereses comerciais tamén fixo que tivese unha boa acollida entre os concellos e veciños. É o exemplo dunha actuación en Sada, onde se construíu un escenario sobre a auga pero que, coa subida da marea comezou a afundirse na súa parte traseira. Ante isto, os mariñeiros da aldea foron os encargados de transportar nas súas embarcacións aos artistas dende o porto á parte traseira do escenario durante toda a función, sen que o público se decatase do que estaba a ocorrer.
“A romaría era algo máis que a romaría, era máis que os espectáculos, eran moitas relacións”
Durante 21 anos, Bernardo Valiño estivo á cabeza duns dos maiores espectáculos de Galicia, que trouxo a diversidade e a cultura de moitos puntos do mundo de forma gratuíta ás aldeas. Está orgulloso do seu legado e, sobre todo, de facer o que lle gustaba durante 21 anos, algo do que “non se pode queixar”. A Romaría Internacional foi un exemplo de como mediante a cooperación se podían facer grandes cousas e desexa que a publicación do libro non só sexa unha maneira de conservar os recordos, senón tamén un estímulo de como aparcando as cuestións ideolóxicas “se poden facer moitas cousas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.