Santiago prevé ampliar á contorna dos colexios a circulación a 20km/h

O alcalde Sánchez Bugallo di non ver "dificultade" nas áreas a 10km/h.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/05/2021 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, falou este venres da entrada en vigor do novo regulamento de circulación, que limita a velocidade en áreas urbanas e que, segundo dixo, "vén consolidar uns cambios" xa iniciados en Compostela, e que se prevé "ampliar".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Un deles, apuntou, son as áreas limitadas a 20km/h, que se iniciaron no campus e que está previsto que se estendan a outras áreas, como as contornas dos colexios. Tampouco se descarta instauralos no Ensanche.

Así mesmo, referiuse a "certa polémica" existente coa limitación a 10km/h dunha parte da remodelación do Hórreo, algo que considera que non ten "ningunha dificultade". Neste sentido, lembrou que na cidade histórica ou na zona de San Clemente xa se aplica esta limitación "sen ningún tipo de problema".

Paralelamente, tamén volveu defender o radar do túnel de Conxo e apuntou que é "incuestionable" que nesa zona existe unha limitación a 50 quilómetros por hora. "E a gran maioría dos condutores son conscientes desta situación, o habitual é que os coches vaian a esa velocidade", dixo o rexedor.

A intención de todas estas medidas, narrou, é "mellorar a seguridade viaria en Santiago" e "continuar reducindo o número de accidentes", especialmente os atropelos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta