O PSdeG acusa a Xunta de asinar convenios con "narcotraficantes" para crear residencias concertadas

Os socialistas denuncian "abandono de funcións" e volven reclamar unha investigación "exhaustiva" do ocorrido na pandemia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/05/2021 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, e a portavoz de Política Social do PSdeG, Mariña Ortega, denunciaron "abandono de funcións, descoido e ocultación de datos" por parte da Xunta sobre o sistema de residencias de Galicia "antes e durante a pandemia", á vez que esixiron unha investigación "exhaustiva" do ocorrido.

Ortega e Arangüena
Ortega e Arangüena | Fonte: PSdeG.

"Hai un problema grave derivado dunha tendencia extrema á privatización dos servizos xeriátricos, que nos sitúa á vangarda de España en privatización, xunto coa Comunidade de Madrid", denunciou Arangüena, logo de trasladar que Galicia é "a segunda comunidade de España con menos inspectores de residencias e, por iso, o número de sancións que se impoñen cada ano é ridículo".

Nesta liña, esgrimiu que o grupo DomusVi "ten denuncias reiteradas por impor unhas condicións laborais de semi escravitude e por unha adecuada alimentación para aforrar custos ata o punto de provocar casos de desnutrición", ademais de "por non cumprir os cocientes de persoal". "Nunca son sancionados porque están en conivencia coa Xunta", engadiu.

Tamén se referiu ao caso da Fundación San Rosendo, cuxo presidente de honra "é un señor que foi condenado por sentenza firme do Tribunal Supremo a cinco anos de prisión e inhabilitación por estafarlle 600.000 euros a unha señora con alzhéimer que residía nun dos seus centros". Así, lamentou que, "deses cinco anos de prisión, unicamente cumpriu dous meses e foi excarcerado; vantaxes de ter contactos no ceo e no PP".

Tamén se referiu ao caso do centro de Salvaterra do Miño, "a residencia dos horrores, como foi cualificada por algún medio", despois de lembrar que "a Xunta non fixo nada" ante a denuncia dunha traballadora na que alertaba, en 2017, sobre "unha cuestión de humanidade".

Nesta liña, indicou que "o propietario do 50% desta residencia é un antigo fuxitivo da Interpol, preso na actualidade por narcotráfico en Brasil, detido en 2011 por introducir cocaína en Europa e identificado como líder da rede en Europa dun gran narco colombiano", o que significa --remarcou-- que "narcotraficantes internacionais montan residencias de maiores concertadas coa Xunta".

Así, Arangüena concluíu que "a Xunta do PP ten o máximo interese en facer a vista gorda ante o que alí acontece", o que presupón que "a tendencia á privatización do coidado dos maiores vai en paralelo coa confluencia con intereses políticos concretos e, en última instancia, coa conivencia con eses mesmos intereses".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta